Bolsas de auga causaron un "pequeno parón" nas obras do novo edificio xudicial da Parda

Pontevedra
05 de xaneiro 2017

As obras de construción marchan "segundo o previsto" a pesar de que cando estaban a realizar a primeira cimentación atopouse auga que obrigou a deixar de traballar. O prazo de execución dos traballos mantense en 21 meses e estarán listos como máximo a principios de verán de 2018

Visita do director xeral de Xustiza ao depósito de expedientes xudiciais da Xunta en Campolongo
Visita do director xeral de Xustiza ao depósito de expedientes xudiciais da Xunta en Campolongo / PontevedraViva

As obras de construción do novo edificio xudicial da Parda marchan "segundo o previsto", segundo revelou este xoves o director xeral de Xustiza da Xunta de Galicia, Juan José Martín. Todo a pesar de que os traballos tiveron que deterse e sufriron un "pequeno parón" por causas alleas á empresa construtora, pois cando estaban a realizar a primeira cimentación atopouse auga que obrigou a deixar de traballar. 

Agora que ese escollo está superado, a Xunta, como administración impulsora da obra, ten a comunicación oficial da empresa adxudicataria de que o prazo de execución dos traballos mantense en 21 meses, o que implica que estarían listas en marzo do ano 2018. Para ser cauteloso e non achegar datos erróneos, o director xeral de Xustiza prefire manexar como prazo final principios do verán de 2018

Juan José Martín lembrou que no novo edificio, que custará máis de 17 millóns de euros e terá uns 21.000 metros cadrados en forma circular, situaranse os órganos xudiciais que actualmente están espallados pola cidade, tales como os tres xulgados do Contencioso-Administrativo que agora ocupan un edificio externo na rúa Xermán Adrio e os dous xulgados do Mercantil e os catro do Social que están na sede da Audiencia Provincial en Rosalía de Castro.

Ao novo edificio trasladarase toda a xurisdición non penal e no inmoble actual seguirán os xulgados do penal e as dependencias da Fiscalía, que resolverán os seus actuais problemas de espazo. 

O director xeral realizou estas declaracións este xoves durante unha visita ao depósito habilitado no soto da Delegación Territorial da Xunta en Pontevedra para actuacións relacionadas coa organización dos arquivos xudiciais e o expurgo. Chegou acompañado polo delegado territorial, José Manuel Cores Tourís, coincidindo co traslado de preto de 40.000 expedientes xudiciais procedentes do Xulgado do Social número 1 de Vigo para sumarse ás tarefas de expurgo. 

Segundo os datos achegados, actualmente hai nese depósito 210.000 arquivos procedentes dos partidos xudiciais de Pontevedra, Vigo, Vilagarcía, Caldas e Cambados e ata o próximo día 12 de xaneiro chegarán outros 40.000 desde a Sección Segunda da Audiencia Provincial, o Xulgado do Social número 1 de Pontevedra e xulgados vigueses. Todos son expedientes expurgables cuxos datos xa foron introducidos na aplicación informática específica da Xunta e que están agora pendentes de que a Xunta Provicial de Expurgo decida se se poden eliminar ou se conservarán. 

O proceso de expurgación da documentación xudicial en Galicia comezou no ano 2013 e ten como horizonte o final da actual lexislatura. En catro anos prevén que estean xa o 80% dos tres millóns de expedientes que se prevén expurgar na comunidade. Trátase dun proceso complexo, suxeito a unha normativa rigorosa e sucesivos traballos e trámites que permitirá liberar espazos de papel.