Chega unha nova entrega da serie "A cociña gourmet en conserva", da man de Conservas Pescamar. Nesta ocasión, imos preparar unha receita que nos trae os sabores da India e coa que imos aproveitar todos os beneficios da xarda.
A cabala ou xarda é un dos peixes azuis máis apreciados polo seu alto contido en ácidos graxos omega-3, que nos axudan a levar unha dieta sa.
A receita que presentamos é orixinaria da India e moi popular nos posto de venda de rúa. Os 'panipuri' son unhas bólas de masa de pan fritidas e crocantes, que se serven frías e recheas de pataca, cebola, lentellas, coandro e outros ingredientes. Outra opción, especialmente cando se consomen no fogar, é servir as bólas sen encher e cada comensal dálle uns golpes cunha culler na parte superior ata conseguir unha fenda suficiente para introducir os ingredientes que desexe, contidos en cuncos para compartir.
Para preparar unhas saborosas Bólas de pan frito con xarda Pescamar necesitamos os seguintes ingredientes:
- 1 lata de Filetes de Cabala do Sur en aceite de xirasol Pescamar
- 2 patacas cocidas
- 1 cebola picada
- 1 cunca de lentellas vermellas cocidas
- 1/2 culleradiña de follas de coandro picadas
- 1/2 culleradiña de follas de menta picadas
- Pemento picante ao gusto
- Para a masa:
- 1 cunca de semolina
- 2 culleradas de fariña
- Chisco de sal
- 70 ml de auga tépeda
- 1 cullerada de aceite de oliva virxen extra
- Aceite para fritir
Elaboración:
Nun bol grande introducimos a semolina, a fariña, a cullerada de aceite de oliva e o chisco de sal. Mesturámolo todo coas mans ata obter unha especie de faragullas.
A continuación, engadimos a auga amornada e volvemos a amasar. Tapamos cun pano húmido e deixamos repousar 25 minutos. Pasado este tempo, volvemos a amasar e estendemos a masa nunha superficie lisa ata que quede fina. Coa axuda dun vaso imos separando círculos. Con cada círculo, formamos unha bóla de masa.
Poñemos unha tixola con abundante aceite e cando estea ben quente imos fritindo os pans aos poucos, para que o aceite manteña a calor. As bólas estarán feitas cando estean infladas e ben douradas por ambos os lados, para asegurarnos de que estean crocantes.
Retirámolas a unha bandexa con reixa para que escorran o aceite.
Unha vez que as bólas estean frías, procedemos a enchelas. Antes, romperemos, coa axuda dunha culler, lixeiramente a parte superior de cada unha.
A continuación, introducimos un pouco de pataca cocida, que previamente machucariamos e mesturariamos co pemento picante. A continuación, unha parte da lata de Filetes de Cabala do Sur en aceite de xirasol Pescamar, uns anacos de cebola picada, unhas poucas lentellas e coroamos cunhas porcións de follas de coandro e menta.
En dúas semanas volvemos cunha nova proposta de "A cociña gourmet en conserva" cos produtos do mar de alta calidade de Conservas Pescamar.