Queren que a Boa Vila conte con desfibriladores a pé de rúa

Pontevedra
15 de novembro 2024

Os socialistas instan o goberno local a despregar unha rede de desfibriladores nos principais espazos públicos, nos núcleos de centralidade e nos vehículos da Policía Local e os Bombeiros

Un desfibrilador na rúa
Un desfibrilador na rúa / Ayuntamiento de Cartagena

O grupo municipal do PSOE levará a pleno este luns unha moción na que propón que Pontevedra conte con desfibriladores a pé de rúa.

Son os chamados DEA que son un tipo de desfibrilador computarizado que analiza automaticamente o ritmo cardíaco en persoas que están a sufrir un paro. Cando sexa necesario, envía unha descarga eléctrica ao corazón para normalizar o seu ritmo.

No PSOE queren que esta dotación de equipos DEA se complemente co deseño e implantación dun sistema de sinalización claro, visible e accesible na rúa, que permita localizar con facilidade os desfibriladores máis próximos.

A proposta pide que estes aparellos estén nos principais espazos públicos da cidade, nos núcleos de centralidade das parroquias e nos vehículos da Policía Local e os Bombeiros.

Segundo explica o portavoz do PSOE, Iván Puentes, a proposta de acordo tamén lle solicita ao Concello a planificación de campañas educativas e de concienciación cidadá en materia de cardioprotección, con obradoiros de reanimación cardiopulmonar (RCP) e uso de desfibriladores automáticos e semiautomáticos.

Pontevedra conta con 34 desfibriladores en edificios públicos e 26 en dependencias privadas, dos que en moitos casos a cidadanía descoñece a súa localización. Polo de agora non hai ningún na vía pública.

Os socialistas cren que a capital da provincia presenta aínda "algunhas deficiencias en materia de cardioprotección" que deben ser abordadas "de maneira urxente".

A moción ten visos de prosperar, xa que na Comisión de Benestar Social os grupos políticos do BNG e o PP votaron a favor.