Ao contraxeito a sardiña elude a tendencia inflacionista e conxela os seus prezos pese ao aumento da demanda que se produce por San Xoán.
As pescantinas da praza de abastos de Pontevedra véndenas a cinco euros o quilo a pequena e a do "xeito" chega aos sete euros nalgunhas bancadas.
Os cerqueiros trouxeron a terra gran cantidade de produto e de boa calidade polo que ninguén terá que quedar sen "mollar ou pan" coas sardiñas nesta "noite meiga".
Temendo que este xoves escasease ou en previsión de que incrementase o seu prezo, as placeras explican que foron moitos os clientes que compraron as sardiñas na véspera e xa as gardan lavadas e cubertas con sal gordo para esta noite poñelas na grella sobre brasas onde rivalizarán co churrasco, que gaña terreo cada ano grazas ao impulso dos máis novos.
Iso si, sardiñas ou churrasco estarán acompañados do típico pan de millo ou de broa.
Dentro do Mercado e tamén no exterior da praza ou mesmo fronte a Correos na rúa Oliva había este xoves persoas vendendo a tres euros ramos de "herbas de San Xoán", basicamente: fiúncho, fento macho, codeso, abeloura, malva común, romeu e hierbaluisa.
Esta apócema que se alimenta co orballo da madrugada forma parte desta noite máxica na que se saltan as cacharelas sempre en números impares para "espantar o meigallo".