As familias das vítimas do naufraxio do Villa de Pitanxo mantiveron este mércores o primeiro encontro oficial co novo delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco. Tratouse dunha reunión na Subdelegación do Goberno en Pontevedra que se desenvolveu con cordialidade e que tivo como eixo central a petición de que se instale unha placa de recordo aos mariñeiros falecidos no porto de San Xoán de Terranova, en Canadá, o máis próximo ao lugar do afundimento.
A voceira das familias, María José de Pazo, en nome do resto de asistentes, agradeceu ao delegado que se desprazara ata Pontevedra para reunirse con eles e sinalou que a reunión foi "positiva" e Pedro Blanco "tomou nota das nosas solicitudes", das que a principal é esa xestión para que durante o ano 2024 poida instalarse esa placa.
O delegado do Goberno aproveitou a ocasión para trasladar "o meu agarimo, o pésame, en nome do Goberno de España, a todos os familiares". Lembrou que os falecidos foron 21 traballadores galegos que estaban faenando nun medio "agreste" e amosou a súa disposición a seguir mantendo máis contactos coas súas familias "porque, a bo seguro, enriba da mesa quedaron unha serie de cuestións".
Sobre as demandas, Pedro Blanco explicou que o encontro se celebrou con "absoluta cordialidade", escoitou "con receptividade" e comprometeuse a trasladalas ao Goberno e os ministerios competentes.
A idea das familias é que esa placa se coloque en nome dos 21 falecidos do Villa de Pitanxo e e de "toda a xente do mar" e piden a axuda do Goberno para "toda esa loxística que é necesaria".
As familias lembran que non pretenden que a placa estea instalada para o segundo aniversario, o 15 de febreiro de 2024, senón que "o límite é ao longo do 2024" e recoñecen que "por temas climatolóxicos, sempre se pensou que era máis adecuado de cara a maio, xuño".
O acto de segundo aniversario do naufraxio celebrarase o 7 de febreiro ás 11.30 horas en Marín.
CONFIANZA NA XUSTIZA
José Antonio N.R. e José Antonio N.O., responsables do Grupo Nores, armadores do Villa de Pitanxo, declararán como investigados na Audiencia Nacional o próximo 27 de novembro tras a querela presentada polas familias dos 21 falecidos. Días antes, María José de Pazo rexeitou facer valoracións dun tema xudicial, pero si deixou claro que "confiamos na xustiza e confiamos no xuíz (Ismael) Moreno".
As familias "celebran" que continúe a instrución xudicial da causa e confía en que todo "sexa positivo para esclarecer as causas, para que se saiba a verdade, para que todas esas hipóteses e mentiras que se dixeron nun principio xa estean totalmente descartadas, que quede todo claro e que, por fin, as familias e os 21 teñan esa xustiza".