Os obradoiros sobre a camelia organizados polo Concello de Cuntis ao longo do mes de agosto lograron un gran éxito de participación, cubríndose todas as prazas dispoñibles.
Persoas de todas as idades participaron nestas sesións gratuítas, celebradas na Finca A Rociña, na parroquia de Santa María de Cequeril, que destacaron tanto polo seu valor educativo como pola calidade dos seus contidos.
Entre os expertos que impartiron os obradoiros figuraba Leonor Magariños, unha das maiores especialistas en camelia de Galicia, recoñecida polos numerosos premios obtidos polo seu traballo na posta en valor desta especie na comunidade.
Magariños foi a encargada de impartir unha sesión sobre técnicas de enxertos, unha das máis destacadas do programa.
Tamén foron moi ben recibidas as sesións sobre a elaboración de té e aceite a partir da camelia, a cargo de José Antonio Fernández Magariños, e os obradoiros de creación de flores con diferentes materiais, impartidos por Yolanda Fernández Magariños.
COMEZA O MES DA CIENCIA
Este sábado, 7 de setembro, comeza unha nova edición do 'Mes da Ciencia', unha proposta do Concello de Cuntis dirixida ás crianzas.
O ciclo, que se desenvolverá ao longo de todo o mes de setembro, comeza co obradoiro 'O fascinante mundo da materia', pensado para nenos e nenas de entre seis e 12 anos, que se celebrará a partir das 11:00 horas.
FESTIVAL HAI QUE ROELO
Ademais, o sábado pola noite terá lugar a sétima edición do Festival Folclórico Nacional 'Hai que Roelo'.
Contará coa participación do emblemático grupo folclórico cuntiense e das Aulas de Música de Aliste Tras os Montes de Trabazos (Zamora).
As actuacións están previstas para as 21:00 horas na Feira de Cuntis e, en caso de mal tempo, trasladaranse ao Centro Patelas.