O BNG chama á poboación a manifestarse o domingo ante a "situación límite" da sanidade pública

Pontevedra
02 de abril 2025

Luís Bará mantivo un encontro con profesionais sanitarios da área de Pontevedra e fixo un chamamento á mobilización en defensa da sanidade pública o próximo domingo día 6 en Compostela

Encontro de Luis Bará con representantes sanitarios de Pontevedra
Encontro de Luis Bará con representantes sanitarios de Pontevedra / BNG

O BNG volveu denunciar este martes a "situación límite" e a "grave situación de desmantelamento e deterioro" que está a vivir a sanidade pública en Galicia.

A tan só cinco días da mobilización en defensa da sanidade pública convocada para o próximo domingo 6 en Santiago de Compostela, os nacionalistas responsabilizan da situación aos "16 anos de recortes e privatizacións do PP" e a que a Xunta "leva anos aproveitando cada crise para acelerar o seu deterioro e privatización".

O deputado nacionalista Luís Bará mantivo este martes un encontro con profesionais sanitarios da área de Pontevedra no que fixo un chamamento á mobilización cidadá ante una situación que "empeora día a día".

Falan de atrasos nos diagnósticos, listas de espera "interminables", un persoal sanitario "ao límite" e "desmantelamento da Atención Primaria" que están "afectando gravemente ao dereito da atención sanitaria".

Os nacionalistas denuncian que esta situación "afecta en maior medida" aos colectivos máis vulnerables, como as persoas con enfermidades crónicas ou con problemas de saúde mental, a infancia, as persoas maiores ou as mulleres.

Bará denunciou a "incapacidade" do goberno da Xunta do PP, que despois dun ano de lexislatura "aínda non superou a fase dos anuncios".

Referiuse así ás "promesas incumpridas", como o plan de recursos humanos, a presenza de psicólogos clínicos en atención Primaria ou o novo modelo de atención sanitaria, que, segundo dixo, seguen sen materializarse.

Considera Bará que "non é aceptable o mantra permanente de que non hai profesionais facultativos nin de enfermaría" e tamén que a falta de profesionais non se resolve simplemente cunha maior oferta de contratos precarios ou coa contratación de MIR.

Así, insiste na necesidade de mellorar as condicións laborais e abordar a sobrecarga asistencial para que o persoal do Sergas non acabe marchando fóra ou á sanidade privada.