Integrantes da recentemente constituída plataforma Pontevedra de Noite, que agrupa aos empresarios de locais de lecer nocturno da cidade, mantiveron nestes últimos días reunións cos diferentes partidos que conforman a corporación municipal e tamén con representantes doutros partidos politícos que mostraron interese na súa problemática como POAL e VOX.
Desde o colectivo agradecen a todos estes partidos a súa disposición para programar senllas reunións nas que lle expuxeron con detalle a maior parte das súas demandas e inquietudes. Destacan os empresarios que todos os partidos entenderon as súas peticións e mostraron o seu compromiso para buscar solucións viables que afecten o menos posible dunha maneira negativa a estes negocios.
Independentemente da cor política, todos os representantes dos partidos mostraron o seu empeño en buscar solucións aos problemas que atravesa este sector en Pontevedra.
O principal é o Peprica, para o que todos os partidos comprometéronse a buscar unha modificación viable para que estes locais poidan adecuarse as normativas vixentes. O outro conflito ten que ver co escaso control que hai sobre algúns locais que extralimitan as actividades que recollen as suas licenzas.
Con todo isto, desde Pontevedra de Noite emprazan a todas as forzas políticas que alcancen representación nas próximas eleccións do 28 de maio a concertar un novo encontro para implementar as solucións aos problemas expostos, xa que todos eles mostraron comprensión e conformidade coas súas demandas.