O BNG pregunta en sede parlamentaria sobre unha futura "privatización" do Pazo de Lourizán

Pontevedra
28 de marzo 2025

O goberno galego, a través da directora xeral de Patrimonio Cultural, confirma que completará o procedemento do Ben de Interese Cultural antes do 10 de maio, pero non aclara a compatibilidade co proxecto hoteleiro previsto

Pazo de Lourizán
Pazo de Lourizán / Mónica Patxot

O debate sobre o futuro do Pazo de Lourizán intensificouse este xoves na comisión parlamentaria de Cultura, onde a Directora Xeral de Patrimonio Cultural, María del Carmen Martínez, confirmou que a Xunta cumprirá co prazo legal para declarar o conxunto como Ben de Interese Cultural (BIC) antes do 10 de maio, cando se cumpren os 24 meses desde a incoación do expediente.

A directora xeral defendeu que o procedemento segue o seu curso normal, argumentando que "a tramitación dun BIC leva consigo a lectura dos informes e estudar as cuestións que son integradoras do decreto que se redactará con carácter legal", ademais de atender ás alegacións presentadas. "Estamos en tempo", afirmou.

Pola súa parte, o deputado nacionalista Luís Bará cuestionou duramente o proxecto da Xunta para o pazo, denunciando que o goberno autonómico pretende "dedicar a maior parte do conxunto a usos hoteleiros e hosteleiros, reducindo progresivamente a función de Lourizán como centro de referencia do sector forestal".

Durante o debate, Bará sinalou que o proxecto licitado por XERA (Axencia da Industria Forestal) contempla a construción dun hotel de catro estrelas con 18 habitacións e dúas suites, o que segundo o BNG implicaría "a demolición interior de grande parte do edificio".

Tamén alertou sobre outras actuacións previstas como a edificación dun "Novo Pavillón Polivalente" que, nas súas palabras, "máis parece un salón de vodas, banquetes e comunións".

A directora xeral non detallou como se compatibilizará a protección integral do BIC con estas intervencións, limitándose a indicar que a Dirección Xeral de Patrimonio "está disposta para que os documentos que saian sexan respectuosos coa protección do ben patrimonial" e que "na resolución inicial de declaración xa se especifican as intervencións que se poden realizar no inmoble".

O BNG mantén que a estratexia da Xunta responde a un intento de privatización, afirmando que "o CIF de Lourizán está en mínimos, nun proceso continuado de desmantelamento, con cada vez menos medios, menos espazos e menos persoal".

A formación nacionalista teme tamén que desde o goberno galego se reserven espazos para ENCE, empresa que "xa dixo que podería poñer recursos económicos para a recuperación do conxunto", sinala Bará.