A corporación municipal do Concello de Poio deu este martes luz verde ao estudo de viabilidade do novo contrato da auga, cos votos a favor do PP e as abstencións de PSOE e BNG.
Trátase dun contrato que, segundo explicou o alcalde, Ángel Moldes, permitirá prestar un mellor servizo á veciñanza, garantir a calidade da auga e ampliar a rede en zonas como A Caeira, Vilariño ou Fragamoreira, entre outros lugares que a día de hoxe continúan sen estes servizos básicos e aos que o novo contrato ofrecerá unha solución.
Pola contra, o BNG alerta de que "Ángel Moldes vai impoñer á veciñanza de Poio o maior sablazo por subida de taxas da historia do Concello" a causa deste novo contrato.
Aseguran os nacionalistas que suporá incrementos de máis do 100% sobre o recibo que se paga na actualidade. A voceira Marga Caldas sinala que con este movemento, o PP está a cometer un "engano sen precedentes" á cidadanía, xa que "presume de baixar impostos mentres agocha que vai incrementar de maneira exponencial o custe dun servizo básico".
Marga Caldas explica que se trata dun contrato para o que o goberno do Bloque xa iniciara o expediente no anterior mandato. "Por dicilo claramente, deixamos todo listo para licitar", asegura.
A portavoz do BNG, Marga Caldas, subliña que o Bloque deixou sen pechar a valoración de impacto económico porque "baixo o aval de informes técnicos externos" buscou a fórmula para que o novo contrato "non supuxera unha subida brutal a veciñas e veciños".
Caldas sinala que coa chegada do PP ao goberno "a situación mudou totalmente" porque "Moldes e o seu equipo" decidiron que non ían levar a cabo o trámite establecido polo BNG argumentando informes municipais en contra. Nese punto, segundo o BNG, o Partido Popular iniciou un novo estudo económico de viabilidade, no que incluíu proxectos por valor de 8,1 millóns de euros a executar pola concesionaria en varias anualidades, e engadiu unha valoración económica na que se alega que a empresa da auga terá resultados negativos nos primeiros dous anos (con perdas estimadas de case 700.000 euros), pero beneficios medios do 11,5% nos 23 anos restantes.
Do estudo de viabilidade aprobado por Moldes onte, explica Marga Caldas, "dedúcese unha subida brutal no recibo da auga, que pasará a ser máis do dobre que o que se paga na actualidade".
Marga Caldas apunta que "de feito, recóllese textualmente a necesidade dun incremento das tarifas de servizo de maneira escalonada, cun incremento medio do 30% no primeiro ano e unha suba do 35% no terceiro. Tendo en conta que nos recibos se vai incluír unha cota variable por tramos en función dos metros cúbicos consumidos, e que esta se terá que aplicar tanto no apartado do abastecemento como de saneamento, as cifras a pagar dispáranse incluso superando o 100% de incremento: é dicir, duplícanse".
O BNG de Poio lembra tamén que a esta subida pola auga haberá que engadir o incremento no prezo do lixo, xa que son conceptos que van xuntos no mesmo recibo, e tamén os impostos correspondentes como o IVE obrigatorio.
Caldas advirte de que "curiosamente a aplicación das novas tarifas está prevista para o ano 2028, é dicir, un ano despois das próximas eleccións".
"É un engano sen precedentes. Moldes baixou o IBI ao 43% para intentar vender un relato que non é verdade: di que baixa os impostos, pero está a duplicar outros tributos e taxas como a da auga pola vía de atrás, sen transparencia e sen publicidade, para evitar que a veciñanza se lle poña en contra", finaliza a voceira nacionalista.
TARIFAS
Con respecto ás tarifas, Moldes explicou no pleno que "priorízanse criterios xustos segundo o consumo, porque non pode ser que domicilios domésticos paguen o mesmo que os consumidores industriais".
No abastecemento, un consumidor doméstico abona actualmente 8,38 euros e co novo contrato da auga, no primeiro ano o recibo bimestral reducirase a 7,43 euros e no terceiro, cando xa comecen a executarse os investimentos, actualizarase a 8,92 euros.
No caso do saneamento, neste momento a cota fixa é de 15,32 euros, que se rebaixará a 14,74 euros e, no terceiro ano, tamén cos primeiros investimentos nas redes, establecerase en 21,32 euros.
ESTUDO DE VIABILIDADE
O estudo aprobado este martes analiza a viabilidade da xestión indirecta do servizo de abastecemento de auga potable e rede de sumidoiros, a través dun contrato de concesión de servizos.
A través do documento, descríbense as instalacións destas redes en Poio, que conta con 7.570 abonados de abastecemento e 8.537 de sumidoiros. Ademais, dos 1.246.930 metros cúbicos de auga potable que se subministran, aproximadamente o 75% se compran ao Concello de Pontevedra e o resto proveñen de captacións propias.
E en canto ao rendemento da rede municipal, sitúase nun 75%, valores mellorables para un concello das características de Poio.
O novo contrato terá unha duración de 20 anos, prorrogables outros cinco e garantirá investimentos por valor de 15 millóns de euros.
INVESTIMENTOS
No pleno tamén se aprobaron, por unanimidade, os listados de investimentos de obrigado cumprimento e melloras que deberá asumir, no seu momento, a empresa que consiga a concesión do servizo.
Entre eses investimentos inclúense, no primeiro ano, 4,6 millóns de euros para dotar de servizos a Vilariño-Fragamoreira, nas rúas San Antoniño, Río Miño e Illa de Ons.
No segundo ano, o investimento superará o 3,4 millóns de euros, para mellorar as redes na Bouza (Samieira), na rúa Illa de Tambo, nos camiños Lubiáns, travesías 2ª e 3ª de Lubiáns, Fogueteira e Campo Loncras, na marxe esquerda da PO-308 entre Covelo e Combarro; no camiño de Bocas e avenida de Colón ou rede de pluviais en rúa Coruxa e camiño Real do Casal.
No terceiro ano, destinaranse 2,3 millóns de euros para mellora do camiño Os Mouchos, da Cachada, travesía de Lubiáns, camiño Monte do Cura, na marxe dereita da PO-308, entre Chancelas e Raxó, na PO-308 entre o cemiterio e o Remo e a avenida da Praia.
Por último, no cuarto ano, o investimento a realizar ascende a 1,3 millóns, entre as que están enlace da Escusa e Río Mouro co saneamento existente, rede de saneamento na Escusa, en río Mouro e Río Mouro pequeno.
Todas estas son actuacións de obrigado cumprimento no novo contrato e, a maiores, entre as melloras incluirase tamén o novo depósito ETAP e conexión no Sartal, cun orzamento de 3,8 millóns de euros, e que reducirá de xeito importante o volume de auga que neste momento o Concello de Poio compra a Pontevedra, solucionar problemas de presión na rede de todo o municipio e dará, tamén, servizo ao futuro polígono industrial de Fragamoreira.
Ademais destes investimentos, o novo contrato da auga contemplará o ingreso dun canon anual ao concello de 76.000 euros.
Una vez aprobado en pleno este estudo de viabilidade, abrirase un prazo de exposición pública, redactarase unha estrutura de custes e aprobarase unha ordenanza non fiscal e, no caso de que non haxa ningunha reclamación, aprobarase de xeito definitiva para sacar a licitación o contrato da auga do Concello de Poio.