O BNG saca á luz un informe de intervención alertando de "irregularidades" en Poio e o Goberno local acúsaos de "falso alarmismo"

Poio
25 de marzo 2025

Os nacionalistas denuncian que o documento sinala que "un de cada catro expedientes financeiros do Concello presenta irregularidades e reparos que son desoídos polo alcalde"

Pleno do Concello de Poio
Pleno do Concello de Poio / Concello de Poio

O grupo municipal do BNG e o grupo de goberno do PP en Poio encerelláronse este martes nun cruce de acusacións a conta dun informe de Intervención que alerta de "irregularidades" na xestión municipal. 

O BNG sacou á luz o informe sinalando que conclúe que "hai debilidades, deficiencias e incumprimentos da normativa" por parte do goberno local que teñen que ser corrixidos canto antes.

Entre outras cousas, os nacionalistas cuestionan que un de cada catro expedientes financeiros do Concello presenta irregularidades e reparos que "son desoídos polo alcalde", Ángel Moldes.

"A pesares dos avisos de Intervención, o alcalde segue adiante cos procedementos levantando os reparos con resolucións propias ou con acordos da maioría absoluta do PP no pleno", sinala a líder do BNG, Marga Caldas. 

En resposta, o goberno local asegura que o informe ten cifras similares a anos anteriores, cos gobernos tripartitos, tanto en número de reparos como en porcentaxe de informes desfavorables, de maneira que "non entendemos o seu falso alarmismo".

Marga Caldas indica que o informe "é demoledor e durísimo" en moitos aspectos e supón un "grave tirón de orellas" para un goberno local que "presume dunha boa política económica, pero a evidencia é que a xestión é escura e bordea límites delicados".

O documento sobre o ano 2024 destaca que o 25,13% dos informes sobre expedientes realizados polo goberno local teñen carácter desfavorable. En total, emitíronse 52 informes de reparo suspensivos porque o Concello obviou trámites esenciais: "ou as obras e servizos se fixeron sen contrato previo ou non había cartos para facer o gasto".

Segundo indica o BNG, Intervención avisa de que é necesaria unha maior planificación dos investimentos e "non actuar a salto de mata". Advirte que é necesario en todos os casos ter expedientes de gasto ou promover contratacións menores ou licitacións públicas en lugar de saltarse os procedementos.

Na súa resposta, o goberno local segura que en 2024, máis do 60% dos reparos do informe da intervención están relacionados coas subvencións aos colectivos.

Así, aseguran que son informes por "flexibilizar as condicións e evitar que estas asociacións perdan unhas axudas que son fundamentais para que poidan continuar coa súa actividade ao longo do ano", ben sexa no eido deportivo, cultural, social, educativo…

O goberno de Ángel Moldes pregúntase: "a alternativa é rexeitarlles esas axudas? É o que quere a oposición?". E móstrase "seguro" de que no fondo están de acordo coa decisión adoptada polo goberno para garantir a continuidade e supervivencia de todo o tecido asociativo local. 

Sinalan que algúns exemplos son as axudas das salas de lectura da SCD Raxó e do Ateneo, ás anpas dos colexios, a canceira municipal, ou a Solidaridade Galega co Pobo Saharaui.

Tamén sinalan desde o Executivo que outra das cuestións que se inclúen son as colaboracións que o Concello de Poio ofrece ás comisións de festas para financiar parte dos gastos de aluguer de carpas ou son. Recoñecen que intentaron subsanar este tipo de cuestións creando unha liña específica para magostos, ampliando as cantidades a subvencionar nas convocatorias de axudas, pero "aínda así hai cuestións que quedan fóra e é importante atender".