A estrada N-541 ao seu paso por Calvelo, en Cerdedo-Cotobade, acolleu este sábado unha concentración para demandar melloras na accesibilidade e a seguridade viaria. Contou coa presenza dun grupo de veciños e representantes do BNG, entre eles, o deputado nacionalista no Congreso, Néstor Rego; o voceiro municipal, Ernesto Filgueira; e militantes da organización.
Néstor Rego aproveitou a súa participación na concentración veciñal para anunciar que rexistrou no Congreso unha emenda nos Orzamentos Xerais do Estado para levar a cabo unha actuación ante a falta de seguridade para viandantes e a carencia de sinalización e iluminación, entre outras.
Antes da concentración, Néstor Rego e Ernesto Filgueira mantiveron unha xuntanza coa veciñanza na que deron conta das iniciativas rexistradas a nivel municipal e estatal.
Ao remate da mesma, Néstor Rego engadiu que é preciso consignar unha dotación orzamentaria para esta actuación porque a falta de seguranza para os viandantes e a carencia de sinalización e iluminación poñen en risco aos peóns e vehículos.
Rego urxe realizar melloras neste tramo, entre elas, a construción dunha rotonda en Ventoxo, incorporar carrís de cruzamento e a incorporación nas interseccións, así como a mellora do pintado horizontal, invisible en días de choiva.
Na emenda presentada ao Proxecto de Lei dos Orzamentos Xerais do Estado tamén demanda a construción dun paso elevado que permita a comunicación para os peóns dos dous lados de Calvelo e a creación dun carril de incorporación dirección Ourense á altura do café Obelix.
Os nacionalistas tamén piden ao Goberno do Estado que constrúa unha plataforma peonil paralela á estrada que garanta o acceso seguro de Calvelo ata Tenorio.