BNG e PSOE, tranquilos ante o sumario da Operación Patos

Pontevedra
23 de setembro 2015

Tanto o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, como Agustín Fernández, portavoz do PSOE, anterior socio de goberno insisten en afirmar que teñen a conciencia moi tranquila e que apoian calquera investigación contra a corrupción

Rexistros no marco da Operación Patos
Rexistros no marco da Operación Patos / Mónica Patxot
O alcalde de Pontevedra amósase tranquilo ante o sumario da Operación Patos /

O sumario da Operación Patos inclúe un informe sobre a relación entre a empresa Eiriña co Concello de Pontevedra en obras como a mellora do acceso a Casal en Salcedo e as reformas da rúa Santa Clara e da avenida de Lugo, estas dúas últimas correspondentes á concellería de Urbanismo do anterior mandato que era levada polo Partido Socialista como socio de goberno do BNG. Tamén se estuda a entrega da empresa Eiriña de 3.600 euros para financiar unha carroza da Cabalgata de Reis, organizada polo goberno nacionalista e os reparos ás obras realizados polo alcalde.

Miguel Anxo Fernández Lores, alcalde de Pontevedra, indicou este mércores que se atopa moi tranquilo ante esta investigación e mantén que lle parece espléndido que se persigan os casos de corrupción afirmando que o equipo de goberno ten a "conciencia tranquila". O sumario fai referencia tamén á actuación "arbitraria" de Fernández Lores ao levantar varios reparos nas adxudicacións de obras. Segundo o alcalde, estes reparos faise en todas as obras adxudicadas e sinalou que cre que se vai a resolver a través da contratación dunha asistencia técnica, pero iso depende de intervención e secretaría. E sinalou que se asinan eses reparos polo plan de seguridade e hixiene con independencia de a quen se lle adxudique a obra.

En canto aos demais aspectos investigados sinala que o alcalde nin sequera está nas mesas de contratación. E en canto ás carrozas apuntou que está todo contabilizado. Segundo o alcalde, o que recolle o sumario non ofrece ningún indicio de corrupción.

Pola súa banda, o portavoz do PSOE, Agustín Fernández, tamén se mostrou tranquilo ante o que expón este sumario en relación ás obras executadas pola concellería de Urbanismo, a cargo do Partido Socialista. Indicou que as adxudicacións e mesas de contratación estaban presididas polo concelleiro de Facenda, Raimundo González, do BNG e que os concelleiros socialistas tiñan representación como todos os grupos.

Tamén se pronunciou a este respecto o portavoz do grupo popular, Jacobo Moreira, que destacou tres feitos clave que marcaron os cen primeiros días de goberno do alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores: o conflicto con Sogama no que "Lores claudica y reconoce la deuda; el fiscal denuncia ante el juzgado al Concello por el caso Elsamex; y la evolución de la Operación Patos en la que se investiga al gobierno de Pontevedra".

Jacobo Moreira dixo saber da operación "únicamente lo que fue publicado" e, deseguido, engadiu "esperemos que no haya nada".

"Por lo que hemos leido hay una serie de escuchas que no dejan en buen lugar la imagen de honorabilidad que ha dado siempre el alcalde de Pontevedra diciendo que él no tiene trato con empresas", sinalou.

Arquivado en