BNG e PSOE rubrican un pacto de goberno baseado na "lealdade" e no "respecto mutuo"

Pontevedra
13 de xuño 2019

Un "bo acordo" que recolle "o mellor" dos programas electorais dos dous partidos. Así describiron Miguel Anxo Fernández Lores e Tino Fernández o pacto de goberno que alcanzaron BNG e PSdeG-PSOE para o próximos catro anos

Miguel Anxo Fernández Lores e Tino Fernández asinan o pacto de goberno
Miguel Anxo Fernández Lores e Tino Fernández asinan o pacto de goberno / Mónica Patxot

Un "bo acordo" que recolle "o mellor" dos programas electorais dos dous partidos. Así describiron Miguel Anxo Fernández Lores e Tino Fernández o pacto de goberno que alcanzaron BNG e PSdeG-PSOE para o próximos catro anos.

Fernández Lores, que será investido como alcalde este sábado cos votos a favor dos edís nacionalistas e socialistas, sinalou estar "satisfeito" de chegar a acordo que, segundo explicou, está baseado na "lealdade" e no "respecto mutuo".

Tras asinar o acordo programático ante os xornalistas, o líder do BNG asegurou que cada partido terá "autonomía" nas súas respectivas áreas de xestión, aínda que garantiu que haberá un goberno "único", unha xestión "coordinada" e accións "consensuadas".

A este respecto, engadiu que se creará unha comisión de seguimento que se encargará de resolver as posibles "discrepancias" que se poidan producir ao longo do mandato.

Tino Fernández, pola súa banda, destacou que este acordo marca unha "folla de ruta clara, equilibrada e compensada" para "afondar" nun proxecto de cidade no que ambos os partidos "cremos profundamente". 

Así, afirmou que este novo bipartito traballará coa "máxima ilusión" desde o primeiro día para seguir facendo de Pontevedra unha cidade "respectuosa, amable e recoñecida mundialmente".

O socialista, que será o tenente alcalde durante o próximo mandato, subliñou que a negociación deste acordo non foi complicada ante as "moitas coincidencias" entre as súas respectivas formacións. "Non fixo falta ceder", dixo, por ningunha das dúas partes para materializar o pacto de goberno.

Ambos os dous dirixentes detallaron os principios programáticos nos que se basea este acordo e que, segundo explicaron, priorizará a cohesión social, o respecto á identidade, o equilibrio territorial, a equidade entre os cidadáns, as políticas redistributivas, o fomento da igualdade, a posta en valor dos recursos naturais ou o respecto á diversidade.

Todo iso, insistiron, estará encamiñado a mellorar a calidade de vida dos pontevedreses, potenciar o dinamismo económico da cidade, seguir impulsando a proxección exterior de Pontevedra, avanzar no equilibrio territorial entre a zona urbana e as parroquias do rural e cun enfoque "destacado" nas políticas ambientais.

DETALLES DO ACORDO DE GOBERNO

De entrada, o pacto de goberno asinado por BNG e PSdeG-PSOE, inclúe impulsar infraestruturas como a A-57, a remodelación do Nó de Bombeiros, o paseo peonil a Marín, a variante de Alba, a reforma da PO-531, a dragaxe do Lérez, a ampliación de Montecelo ou o saneamento integral da ría.

Para isto último, ademais, ambos os dous partidos comprométense a manter unha "oposición frontal" á permanencia de ENCE na ría e a adoptar "todas as medidas necesarias" para que se traslade "o antes posible".

Entre outras cuestións, o goberno priorizará completar o saneamento do rural, estender o abastecemento e terminar a separativa de pluviais e fecais, demandar o uso público do antigo edificio de Facenda e do Hospital Provincial, reformar a política fiscal do municipio ou estudar a creación dun centro municipal de emerxencia para vítimas de violencia machista.

Ademais, potenciaranse os servizos sociais, aprobarase un novo contrato de lixos que incluirá estender a compostaxe -planta na Canicouva incluída-, crearanse novas infraestruturas deportivas e aumentaranse as axudas aos clubs, haberá máis eventos deportivos de gran nivel e reforzarase a programación cultural.

Elaborar novas ordenanzas de mobilidade e protección animal, implantar carrís bici en vías que o permitan, axustar o funcionamento das zonas de servizos e carga e descarga, aproveitar solares sen uso como aparcamento, reorganizar o transporte urbano ou impulsar a variante de Mollavao ou a reforma de Rosalía de Castro están tamén entre os compromisos.

O pacto incorpora, por último, medidas para impulsar a creación de emprego, reforzar a captación de turistas, avanzar na proxección exterior da cidade, fomentar as festas, regular as consultas cidadás ante decisións estratéxicas ou estudar a mellora dos bordos da ría e destapar os ríos Gafos e Valdecorvos en Campolongo e o ámbito do CGTD.