O goberno municipal de Pontevedra, formado polo BNG e o PSOE, reclamará un investimento de 24,5 millóns de euros á Xunta de Galicia e ao Estado para mellorar "significativamente" os investimentos que estas dúas administracións destinan á cidade nos seus orzamentos.
Así se recolle na emenda dos dous partidos á moción presentada polo PP para que o pleno instara ao Goberno central a incrementar os cartos que destina a Pontevedra e a Galicia.
En concreto, a iniciativa que asinan Carme da Silva e Tino Fernández como voceiros dos grupos nacionalista e socialista, busca que eses 24,5 millóns se dividan a partes iguais entre a Xunta de Galicia e o executivo de Pedro Sánchez durante os anos 2020 e 2021.
Doce millóns serían para a rehabilitación dos edificios históricos do Museo e a construción do novo inmoble dedicado á arqueoloxía en Valdecorvos. O proxecto, que custaría 15 millóns, completaríase con outros tres millóns achegados pola Deputación.
Para o destape e rexeneración do río Gafos en Campolongo, o Concello de Pontevedra pagaría 1,5 millóns de euros. BNG e PSOE queren que os 7,5 millóns restantes saian das arcas da Xunta de Galicia e do Goberno central, ata completar os 9 millóns de euros en investimentos.
A terceira das actuacións que se financiaría con estas achegas sería a liberación da Xunqueira do Alba e a construción de novas sedes para os equipamentos asentados en dominio público marítimo terrestre como a Imprenta Provincial ou os parques de maquinaria.
Para iso, ademais dos respectivos convenios administracións implicadas, Pontevedra reclama que cada una das administracións destine 2,5 millóns de euros.