O goberno municipal de Pontevedra está convencido de que 2021 será o ano da "reactivación económica" tras a crise xerada pola pandemia da covid-19. Para iso, BNG e PSOE pactaron un orzamento "expansivo" que superará os 100 millóns de euros.
"Estamos moi contentos do acordo que alcanzamos", sinalou o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, que compareceu este venres co tenente de alcalde, o socialista Tino Fernández, para presentar as contas municipais para o próximo ano.
Pontevedra aprobará inicialmente un orzamento consolidado de 80.734.000 euros, "o máis alto da historia", destacou Fernández Lores. Unha vez se liquide o orzamento de 2020 incorporaranse todos os remanentes, que superarán os 20 millóns de euros.
Con estas cifras, o Concello poderá "como mínimo" triplicar o investimento medio realizado nos últimos anos, defendeu o alcalde pontevedrés. Este "gran esforzo investidor" do Concello, engadiu, "permitirá xerar uns 2.000 postos de traballo" en todo o municipio.
A maior partida destes orzamentos será o gasto corrente, que supoñerá uns 38,5 millóns de euros. O aumento susténtase especialmente nos gastos xerados pola covid-19, que supuxeron máis dun millón, e na absorción do Pazo da Cultura.
Para persoal, tras a subida do 0,9% prevista para todos os empregados públicos, o Concello deberá reservar uns 24,8 millóns de euros.
No capítulo de ingresos, segundo detallou o alcalde de Pontevedra, prevese un incremento de 1.328.000 euros con respecto a 2020, a pesar de conxelar as taxas por sétimo ano consecutivo. Débese, subliñou, ao aumento da actividade económica, ao incremento da poboación e á actualización dos censos para combater a fraude.
En concreto, 30,3 millóns ingresaranse a través de impostos directos, mentres que outros 3 millóns serán por impostos indirectos. En taxas prevense recadar 20,7 millóns e outros 20,9 millóns chegarán como participación nos ingresos do Estado. Preto de 4,8 millóns serán achegados por outras administracións.
Na súa primeira fase, o orzamento municipal de Pontevedra recolle 12,9 millóns de euros en investimentos directos. Haberá partidas cuantiosas para avanzar en materia de accesibilidade urbana e rural, para a renovación do Centro Sur, para a reforma de Mollavao, para xardíns e zonas verdes ou para o plan Supera21, que alcanzará o millón de euros.
ORZAMENTO "PENSADO PARA AS PERSOAS"
O tenente de alcalde, Tino Fernández, destacou pola súa banda que o orzamento municipal para 2021 está "pensado para as persoas" e traza, segundo o líder socialista, unha "folla de ruta clara" para que sexa o ano do "rebote" e da "esperanza".
"Foi moi fácil chegar a acordos", sinalou Fernández, que defendeu que estas contas demostran que Pontevedra ten un goberno "engraxado e que funciona". Defendeu que o resultado final destas negociacións deixa aos socialistas "razoablemente satisfeitos".
O executivo municipal, dixo, "non deixará a ninguén atrás" e para iso "faremos os esforzos que sexan necesarios". A este respecto, o dirixente do PSOE subliñou especialmente que o orzamento de 2021 será "ambicioso" desde o punto de vista social.
Tras destacar que o Concello é unha administración "que escoita aos cidadáns" e que "non busca problemas senón que achega solucións", Tino Fernández abordou a cuestión de por que non se inclúe nestas contas a exención de taxas que pedían os hostaleiros.
A pesar de que o PSOE prometeu buscar unha solución, Fernández afirmou que "nos comprometemos a escoitar" aos colectivos e iso fixeron, sinalou, ao longo de toda esta semana. Con eles, asegurou, alcanzáronse acordos "que se plasman nestes orzamentos" como as axudas Supera21 que "recollen boa parte das súas demandas".