BNG e PSOE apoian as demandas veciñais de defensa do centro de saúde de Seixo

Marín
23 de xullo 2021

Representantes da Plataforma pola Defensa do Centro de Saúde de Seixo reuniuse con representantes dos grupos provinciais do BNG e PSdG-PSOE na Deputación de Pontevedra para expoñer "a situación do centro de saúde e a atención sanitaria á veciñanza como consecuencia dos recortes en persoal da Xunta"

Reunión da Plataforma pola Defensa do Centro de Saúde de Seixo na Deputación
Reunión da Plataforma pola Defensa do Centro de Saúde de Seixo na Deputación / Plataforma pola Defensa do Centro de Saúde de Seixo

Representantes da Plataforma pola Defensa do Centro de Saúde de Seixo, que agrupa a 18 colectivos das parroquias de Santomé de Piñeiro, O Campo, Ardán e Seixo, no Concello de Marín, reuníronse con representantes dos grupos provinciais do BNG e PSdG-PSOE na Deputación, María Ortega e Carlos Font, para expoñer "a situación do centro de saúde e a atención sanitaria á veciñanza como consecuencia dos recortes en persoal da Xunta".

Dende a plataforma denuncian que o día despois de que Sanidade anunciase que non ía pechar o centro de saúde, "xa se constataron os recortes e que as palabras do conselleiro eran un anuncio para tentar enganar a opinión pública".

Así, engaden que o 15 de xullo pasaron de dous médicos e unha enfermeira a un só médico que se fai cargo dos dous cupos e dos turistas e dunha enfermeira cun contrato de acúmulo que asina mes a mes e non suxeita ao centro de saúde.

Unha situación que consideran que empeorará a partir do 15 de agosto, cando "haberá só catro horas de médico para un dos cupos, isto quere dicir que arredor de mil persoas non terán dereito a atención sanitaria no noso centro de Saúde, salvo caso de urxencia, e durante 3 horas non haberá ningún médico no centro".

Por parte dos grupos provinciais do PSdG-PSOE e o BNG na Deputación amosaron "total apoio" ás demandas veciñais de defensa do centro de saúde e a súa oposición aos recortes da Xunta na sanidade.