BNG e PP rexeitan pedir a gratuidade do parking do Gran Montecelo nun pleno con protestas desde as butacas

Integrantes da Policía Local e funcionarios municipais manifestaron o seu malestar pola negociación laboral con Vicente Legísima. Tamén veciños de Médico Ballina reclamaron na sesión plenaria, a través do PP, a construción do parque infantil

Pleno municipal con protestas de funcionarios municipais, policía local e veciños de Médico Ballina / Miguel Álvarez

Funcionarios do Concello, policías locais con bucinas e veciños de Médico Ballina concentrábanse ás portas do Teatro Principal antes do inicio do pleno previsto para este venres 11 de maio.

Antonio Millares, delegado sindical na Policía Local, manifestaba que aínda seguen sen resposta á petición dunha reunión co alcalde para tentar resolver a confrontación que manteñen co concelleiro de Persoal, Vicente Legísima, relacionado coa suba salarial.

"Están a buscar achegarse o máis posible ás eleccións municipais, alongar o conflito ou levalo ao verán. Fóra de aquí falan de buscar consenso pero aquí estamos como sempre", indicaba Millares denunciando que o alcalde entrara por unha porta lateral ao Teatro Principal para evitar as protestas dos axentes.

Pola súa banda, Héctor Santaló, representante de AFUMPO (Agrupación de funcionarios municipais de Pontevedra) sinalou que querían estar pendentes na moción presentada por Marea Pontevedra na que solicitaba ao goberno local a adopción de medidas dirixidas á recuperación do poder adquisitivo perdido, mellora da organización e promoción da carreira profesional do persoal municipal.

Precisamente, o segundo punto do día era o relacionado coa modificación do cadro de persoal 2018, que foi rexeitado por 13 votos en contra e 12 a favor, procedentes do BNG. Desde as butacas pedíase a dimisión do concelleiro Legísima mentres o portavoz do PP, Jacobo Moreira sinalaba que o titular de Réxime Interior quedara desacreditado e reclamaba a Lores diálogo cos funcionarios. 

Na moción de Marea, Luís Rei indicou a importante perda de poder adquisitivo que están a sufrir os traballadores municipais desde 2010 e apuntou que agardaba que entre as causas da convocatoria de folga xeral realizada polo sindicato nacionalista CIG se contemplen as melloras laborais dos empregados públicos e o rexeitamento a contratacións a empresas privadas como se estaba a facer no municipio.

O portavoz de Marea lamentou a fenda salarial no Concello que vai de 20.000 euros anuais a 70.000 no caso dos salarios máis elevados, entre os que se atopa o do alcalde Fernández Lores. Tamén a representante de Cidadáns, María Rey pronunciouse neste sentido expoñendo ao grupo de goberno que se se presume de ser "baluarte" do servizo público é necesario "axudar en casa", en referencia ao persoal do Concello.

Tino Fernández, portavoz do PSOE, pediu ao goberno de Lores unha negociación con honestidade e o PP negouse a debater este punto mentres Luís Rei non aclare ou pida desculpas pola súa referencia á ocultación de datos sobre controis con resultado positivo en alcoholemia de integrantes da corporación.

Por último, Legísima sinalou que o incremento económico para os membros da Policía Local previsto ascendía a un 11%, a súa intervención foi interrompida por berros de dimisión por parte dos axentes que se atopaban no Teatro. A moción foi aprobada por todos os grupos da oposición impoñéndose ao voto en contra desde o BNG.

Desde AFUMPO esperan agora que o goberno local se poña en contacto cos representantes dos traballadores para retomar as negociacións cunha actitude renovada nunha breve marxe de tempo.

PARQUE INFANTIL EN MÉDICO BALLINA

O concelleiro popular César Abal foi o encargado de ler a petición dos veciños de Médico Ballina, que manteñen a reivindicación do parque infantil que foi prometido polo goberno local anos atrás.

Varios veciños seguían o debate desde as butacas do Teatro Principal e manifestaron o seu malestar por non permitírselle permitido intervir na sesión plenaria. Este colectivo reclama un "parque completo" e non un " miniparque" para esa contorna. O concelleiro responsable da zona, Alberto Oubiña indicou que o proxecto está en fase de preparación. O punto foi aprobado pola unanimidade de todos os grupos da corporación. 

VOTAN NON A INSTAR Á XUNTA A UN APARCADOIRO GRATUÍTO NO GRAN MONTECELO

A moción socialista para forzar á Xunta para crear un aparcadoiro gratuíto no futuro hospital Gran Montecelo foi rexeitada polo BNG e o Partido Popular. O portavoz do grupo do PSOE, Tino Fernández, expuxo que o BNG pasara de defender a gratuidade para pedir un aparcadoiro "de pago pero baratiño". Afirmou que calquera opción distinta á gratuidade sería "inadmisible". Na mesma liña pronunciáronse Marea e Cidadáns indicando que establecer un aparcadoiro de pago ante un hospital é unha "estratexia privatizadora".

Pola súa banda, o Partido Popular rexeitou a proposta ao entender que é "inasumible" ao facer referencia a que calquera aparcadoiro nesa zona "ten que ser gratuíto". E engadiu que o importante é que os servizos hospitalarios estean garantidos.

Pola súa banda, César Mosquera tamén mantivo que o convenio en vigor coa Xunta non entra en detalles sobre o estacionamento e por este motivo entende que calquera petición destas características pode atrasar o proxecto da creación do hospital. Afirmou que todo dependerá do gasto que supoña a construción do aparcadoiro para comprobar se pode abordarse un investimento público.

Na réplica, Tino Fernández indicaba que moita xente non poderá pagar 15 euros ao día para aparcar no hospital, tal e como sucede noutros centros sanitario de Galicia. Acusou o goberno local de asinar un convenio cheo de lagoas.

O enfrontamento tamén provocou reaccións entre o público e levou a Fernández Lores a reclamar silencio. Nese momento, o portavoz socialista contestoulle que "vostede ten a pel moi fina cando se lle critica".

Finalmente, nacionalistas e populares votaron en contra da gratuidade fronte aos votos a favor do PSOE, Marea e Cidadáns.

OUTRAS VOTACIÓNS

A petición do grupo municipal do BNG de apoio á lingua galega contou co apoio do grupo de goberno, PSOE, Marea e BNG e cos votos en contra do PP.

A adopción de medidas para frear a deterioración do servizo de Correos en Pontevedra e municipios limítrofes foi unha moción aprobada por maioría coa abstención do Partido Popular.

Rexeitouse a creación dafigura de coidadores municipais, solicitada polo PSOE, cos votos en contra do BNG e a abstención de Marea.

O rexeitamento ao fallo xudicial no caso de 'La Manada' foi aprobado por unanimidade. A adquisición do sistema de rehabilitación desenvolvido polo aparello denominado "lokomat" tamén foi aprobado por todos os grupos.