O grupo municipal do BNG vén de criticar o "chaqueteo" do alcalde de Poio, Ángel Moldes por "rexeitar as protestas en defensa da sanidade pública agora que está na Alcaldía tras apoialas cando estaba na oposición".
A voceira local do Bloque Marga Caldas así o afeou este venres despois de que o PP de Poio tombase unha moción para apoiar a manifestación convocada pola Plataforma SOS Sanidade Pública o vindeiro 6 de abril en Santiago, na que tamén se pedía que o Concello contratase autobuses para facilitar a asistencia da veciñanza.
A portavoz nacionalista sinalou que o cando estaba na oposición o PP sempre apoiou as iniciativas do goberno BNG-PSOE de promover as reivindicacións para mellorar a situación sanitaria e "aplaudía dar facilidades de transporte á cidadanía".
Segundo Caldas, a postura ‘popular’ agora na Alcaldía, intentando "salvar a cara á Xunta" e asegurando "que a sanidade galega funciona e que as queixas son partidistas" supón, "quitar a careta", e demostra "que o Partido Popular de Poio antes unicamente esixía melloras para quedar ben diante da xente".
Caldas considera que o Concello, "por lealdade para coa súa veciñanza", debería solicitar que os seus centros de saúde teñan o persoal suficiente e estean "ben equipados", aumentando o orzamento sanitario público.
"Non nos cabe na cabeza que o cambio de postura sexa tan drástico", insiste a voceira do BNG.
Por outra banda, a nacionalista solicitou tamén ao goberno local que convoque a ‘Mesa dos dereitos sanitarios de Poio’, para que este órgano de participación aborde a situación concreta dos asuntos sanitarios relacionados co municipio.
Asegura Marga Caldas que anteriormente había unha coordinación constante entre a mesa e o goberno local para solicitar á Xunta a cobertura das vacantes médicas e corrixir os obstáculos de acceso á Atención Primaria, entre outras cuestións.
Por outra banda, o BNG considera moi necesario que se reúna a Mesa para que o Concello informe dos trámites realizados en relación á construción do novo centro de saúde.
"Necesitamos saber se houbo algunha reunión para promover o centro de saúde e cal é a previsión para que sexa unha realidade. Nestes momentos os terreos previstos para a construción, pegados a Campelo, son un vertedoiro", advirte Marga Caldas.