O deputado nacionalista no Parlamento de Galicia Luís Bará informou das iniciativas do BNG en relación á "avalancha" de proxectos eólicos que afectan á Serra do Suído, nos concellos da Lama, Fornelos de Montes, Mondariz, Pazos de Borbén e Redondela.
Nunha rolda de prensa celebrada este venres na sede local do BNG, Luís Bará puntualizou que esta non é unha cuestión local que afecte só a estes concellos senón que se enmarca nunha "auténtica invasión" un "espolio" que, ao seu xuízo, é un problema de toda Galicia.
Nesta comparecencia, o BNG puxo o foco nos proxectos do Parque Eólico Hedreira, con 13 aeroxeradores, promovido na Lama, Beariz e Avión por Hedreira Eólica S. L.; o proxecto do parque Coto de Eiras, entre os municipios de Fornelos de Montes e Mondariz con dez aeroxeradores cunha potencia total de 48 megawatts, impulsado pola empresa Puentengasa; e as liñas de media e alta tensión de evacuación da enerxía xerada polos parques eólicos Hedreira I, Ampliación Hedreira I e Coto de Eiras.
Bará denunciou que este modelo que conta co "apoio descarado da Xunta", á que acusa de favorecer e axilizar estes proxectos, ocultando información á cidadanía e creando unha normativa que "permite a estafa deste modelo espoliador" que, segundo sinalou, está a atopar unha forte resistencia e rexeitamento por parte da sociedade, institucións e os tribunais de xustiza.
Segundo o deputado do Bloque, a acumulación de aeroxeradores excede a capacidade de carga dun territorio que está "absolutamente saturado".
O BNG impulsará unha campaña de recollida de alegacións respecto da afección destes proxectos en relación coa saúde, o valor das terras, as captacións de auga, o impacto paisaxístico, o turismo rural, entre outros aspectos. Tamén incidirán na "fragmentación fraudulenta" destes proxectos, que están "tramitados todos polo mesmo grupo empresarial" que quere así "evadir" unha avaliación ambiental.
Ao mesmo tempo, o Bloque Nacionalista Galego desenvolverá unha serie de accións no ámbito institucional con iniciativas que presentarán para o seu debate no Parlamento galego e nos concellos.
Finalmente, Luís Bará anunciou unha "campaña de información e sensibilización" con reunións abertas cos veciños afectados e con distintos colectivos co obxectivo de conseguir que haxa unha mobilización social que ofreza unha "resposta masiva" en contra destes proxectos para "frear a ofensiva eólica depredadora que ameaza o futuro destes concellos e das persoas que viven neles".