O BNG demanda o compromiso do Goberno do Estado para a cesión, a través da firma de convenios coa Xunta de Galicia, de terreos no termo municipal de Pontevedra e a construción de máis de 300 vivendas públicas que se destinarían a ofrecer en réxime de aluguer nos barrios de Campolongo, Mollavao e na Finca do Teucro.
A senadora Carme da Silva deu conta este luns de diversas iniciativas que a formación nacionalista vai presentar nas Cortes, tanto no Congreso como no Senado, para impulsar a ampliación do parque de vivenda pública de aluguer en Pontevedra.
Carme da Silva lembrou que o Ministro de Economía, Carlos Cuerpo mostrou a disposición do Goberno a negociar e ceder solos ás comunidades autónomas para que estas puidesen desenvolver unha política pública activa en materia de vivenda.
Ante esa vontade por parte do Executivo estatal e co obxectivo de resolver o problema actual que ten a sociedade para acceder a unha vivenda, o BNG propón que o Ministerio de Defensa ceda solos que ten nos barrios de Campolongo e de Mollabao, onde existen unhas seis parcelas nas que se poden construír ao redor de 73 vivendas.
Carme da Silva sinalou que ese solo ten finalizada practicamente a súa tramitación urbanística e, por tanto, estaría "en dispoñibilidade" de poder construír de forma "áxil e rápida" esas 73 vivendas.
En maio do ano 2023 o Consello de Ministros deu luz verde ao Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana a adquirir, a través da Entidad Pública de Suelos (SEPES), ata 8,25 millóns de metros cadrados de terreos públicos en desuso propiedade de Defensa para potenciar o desenvolvemento urbanístico e a promoción de vivenda asequible.
Unha destas operacións é a construción dun total de 73 vivendas nos terreos que actualmente ten Defensa nos ámbitos de Campolongo e Mollavao.
Neste ámbito de propiedades do Ministerio de Defensa en Campolongo, o Bloque Nacionalista Galego tamén propón que se faga un estudo das vivendas que xa están neste momento construídas e que van quedando baleiras e non están ocupadas xa que estarían en condicións de porse a disposición para aluguer público.
Carme da Silva tamén se referiu a outros dous terreos propiedade da SAREB, a sociedade estatal creada para xestionar e vender os activos problemáticos das entidades financeiras que recibiron axudas públicas.
Trátase do solar localizado entre a rúa Domingo de Andrade e Avenida de Uruguai, con 1.200 metros cadrados, con disposición para construír unhas 70 vivendas aproximadamente.
E o BNG tamén apunta á coñecida como Finca do Teucro, onde Carme da Silva asegura que nestes terreos a Sareb pode construír unhas 190 vivendas, que poderían ser conveniadas coa Xunta ou directamente o Estado, para que se dediquen a vivenda pública en aluguer.
Carme da Silva indicou que despois de moitos anos a tramitación urbanística desta unidade de actuación número cinco da Finca do Teucro está practicamente finalizada. Queda a aprobación dun estudo de detalle e poderíase facer o proxecto de urbanización e edificación simultaneamente.
O BNG asegura que coa construción nestas bolsas de solo na cidade do Lérez poderían estar dispoñibles para aluguer a prezos alcanzables unhas 333 vivendas públicas, máis as que estean baleiras nos edificios de Defensa.
"É unha cuestión xa de vontade de política", afirmou a senadora do BNG.
Carme da Silva destacou que estas bolsas de solo están no centro da cidade e permiten que a oferta pública siga interconectada co outro tipo de vivenda "e que non se fagan bolsas exclusivas e illadas de vivenda pública ou social".
Ademais, "teñen outra vantaxe importante" que é que a súa tramitación urbanística está "finalizada ou practicamente rematada" polo que se podería desenvolver nun prazo de tempo "relativamente pequeno", engadiu Da Silva.