A Deputación de Pontevedra acaba de poñer en marcha o proxecto "Biocosteiro. Conservación da biodiversidade en hábitats costeiros galaico-portugueses para promover e lograra un desenvolvemento equilibrado das iniciativas locais", no que SEO/Bridlife e a Cámara Municipal de Viana do Castelo, Portugal, participan como socios.
Trátase dunha iniciativa que se desenvolve ao abeiro do programa Interreg VI-A España-Portugal (POCTEP) 2021-2027, que conta cun orzamento total de 750.682 euros, do que o 75% está financiado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER).
O obxectivo do proxecto, cuxas primeiras accións comezarán nas próximas semanas, é mellorar a conservación de hábitats costeiros e especies asociadas en España e Portugal, coa posta en marcha, en hábitats da costa atlántica galaico-lusa, principalmente pertencentes á Rede Natura 2000, de iniciativas de conservación da biodiversidade que irán acompañadas doutras actividades de sensibilización.
Ademais, incluirase a promoción e posta en marcha dun novo modelo de xestión turística responsable e sostible á vez que se reduce a presenza de especies exóticas invasoras.
Na franxa marítimo-terrestre do espazo transfronteirizo desde a provincia de Pontevedra ata Viana do Castelo conflúen aspectos de especial importancia como a gran riqueza patrimonial, cultural, etnográfica, paisaxística e ambiental.
Trátanse de hábitats con importantes funcións ecosistémicas amparados por figuras de protección ambiental internacional —pero que se atopan transformados debido, entre outras causas, ao desenvolvemento turístico—, que comparten especies de aves migratorias, algunhas en situación de protección ou catalogadas en perigo, vulnerables, ameazadas etc., e a presenza dun problema de emerxencia ecolóxica e socioeconómica: as especies exóticas invasoras.
Deste xeito, o traballo desenvolverase de maneira integral, cun marco de colaboración entre os sectores público e privado, mediante o deseño e realización de mellores prácticas de conservación e xestión turística.
Nesa liña, a Deputación conta con SEO/BirdLife, con 70 anos de experiencia na conservación da natureza e con persoal científico e ornitólogo experto e de recoñecido prestixio, e a Cámara Municipal de Viana do Castelo, que conta cunha oficina técnica forestal que se dedica á conservación e protección das especies autóctonas.