Bicos para subir a autoestima e apoiar o comercio local

Pontevedra
06 de abril 2022

A campaña desenvolverase o mércores 13 de abril, Día Mundial do Bico, co fin de estimular as compras no comercio local e tamén cun obxectivo máis lúdico que contribúa a subir a autoestima dos pontevedreses

Yoya Blanco e Fátima Fernández presentan a campaña do Día Mundial do Bico
Yoya Blanco e Fátima Fernández presentan a campaña do Día Mundial do Bico / Diana Eiras

"Non deixes para mañá os bicos que poidas dar hoxe". Deste xeito tan ilustrativo, a concelleira de Promoción Económica e Turismo de Pontevedra, Yoya Blanco, presentaba a campaña que o seu departamento planificou para incentivar as compras no comercio local.

O mércores 13 de abril celébrase o Día Mundial do Bico, un acontecemento que o Concello de Pontevedra aproveitará para instalar unha gran carpa de 5x5 metros na praza diante do Hospital Provincial. "Escolleuse este lugar por non entorpecer os actos de Semana Santa pero tamén por ser un entorno comercial e de lecer moi concorrido", explicaba a edil socialista.

A dinámica desta campaña consiste en que, desde as 11:00 ata as 19:00 horas, calquera persoa que presente un ticket de compra do comercio local de calquera importe poderá facerse unha fotografía no interior da carpa nun decorado especial mentres dá un bico: pode ser lanzado ao aire ou compartido, se é que se desexa unha foto de grupo.

Tanto o interior da carpa como a zona exterior da praza do Hospital estarán adornados con diferentes motivos relacionados cos bicos. "As persoas que se acheguen poderán facerse unha fotografía co fondo da palabra'bico' en diferentes idiomas", sinala Fátima Fernández, da empresa Gesdigal, a encargada de elaborar a creatividade do evento.

A fotografía será realizada por un fotógrafo profesional e posteriormente revelada nun formato 15x30. A outra opción será o fotomatón que estará instalado na carpa baixo o nome de "o espello máxico". Esta última opción engade atractivo ao público familiar porque quizais os máis pequenos nunca tiveron a oportunidade de facerse unha fotografía nun aparello deste tipo.

BENEFICIOS DOS BICOS

A concelleira de Promoción Económica adiantaba que ela mesma inaugurará a campaña co edil de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural, Iván Puentes. Entre risos, Yoya Blanco aclaraba que será "un bico casto". Noutro ton, recoñeceu que nestes tempos máis ca nunca se necesita recuperar o contacto, na medida do posible, os bicos e o agarimo.

Por estes motivos, a campaña de apoio ao comercio local mestura a finalidade principal económica de estímulo das vendas cun obxectivo máis lúdico que contribúa a subir a autoestima dos pontevedreses.

Este último é un dos beneficios que diversos estudos lle atribúen aos bicos. Súmanse outros moitos de carácter diverso, como a suba do nivel de hormonas da felicidade, tonificación dos músculos faciais, diminución da presión arterial, redución das dores de cabeza e do estrés ou queima de calorías, entre outros. Todos eles poderanse consultar nos paneis explicativos que acompañarán ao evento.