A biblioteca de Vilagarcía acolle unha exposición do artista gráfico Xosé Vizoso

O Salnés
31 de xaneiro 2025
Actualizado: 15:06

A mostra, organizada con motivo do Día da Ilustración, recolle algúns dos traballos do artista como creativo e deseñador de portadas de libros

Xosé Vizoso
Xosé Vizoso

Con motivo da celebración do Día da Ilustración, que este ano está dedicado a Xosé Vizoso, a biblioteca municipal de Vilagarcía acollerá até o 21 de febreiro unha exposición con obras do artista.

Na mostra están recollidos algúns dos seus traballos como creativo e deseñador de portadas de libros, tanto infantís como dirixidos ao público en xeral, fundamentalmente pertencentes a Edicións do Castro.

Tamén se pode atopar un debuxo do Cruceiro do cemiterio de Carril, incluído no libro "As cruces de pedra na Galiza" do ano 1950.

Xosé Vizoso naceu en Mondoñedo en 1950 e é coñecido por plasmar a tradición e a cultura galega nas súas obras.

Conta cunha ampla traxectoria como artista gráfico e ceramista, traballando durante máis de corenta anos como deseñador na Fábrica de Cerámica de Sargadelos xunto a Isaac Díaz Pardo e sendo unha persoa fundamental no desenvolvemento de Edicións do Castro difundindo a memoria histórica de Galicia durante a Guerra Civil e o exilio.

Entre as súas obras máis recentes destacan o cartel das festas de San Roque do ano 2021 e do cartel conmemorativo do Centenario de Celta de Vigo.

Con esta dedicatoria, Xosé Vizoso súmase a Chicho Campos, María Antonia Dans, Lino González Rubido, Álvaro Cebreiro, Camilo Díaz Baliño, Federico Ribas, Cándido Fernández Mazas, Lolita Díaz Baliño e Reimundo Patiño, que recibiron o recoñecemento en anos anteriores.