Nin sequera o frío puido cos veciños de Vilaboa que este sábado volveron marchar polas beiravías da estrada Nacional 550 para insistir no seu rexeitamento á construción da subestación eléctrica na parroquia de Bértola.
Os veciños están citados para este martes na Subdelegación do Goberno cos responsables do Ministerio de Fomento para falar dunha situación alternativa para a infraestrutura, afastada das vivendas tal como reclaman.
O voceiro deste colectivo, Emilio Juncal, informou que á devandita reunión acudirán representantes da comunidade de montes, voceiros veciñais e membros do equipo de goberno do Concello de Vilaboa, ademais de responsables da Xunta de Galicia.
Este voceiro trasladou a esperanza dos afectados de que saia unha alternativa que satisfaga a todas as partes desta reunión.
Mentres tanto seguen amoreando leña na improvisada caseta que instalaron xunto aos terreos onde se proxectou a subestación. Alí levan facendo máis de tres meses quendas de garda para evitar que os traballos comecen.