Chega unha nova entrega da serie "A cociña gourmet en conserva", da man de Conservas Pescamar. Nesta ocasión, imos preparar unhas berenxenas recheas de xarda Pescamar, indicadas para entrante ou como prato principal, se desexamos un menú lixeiro.
A cabala ou xarda é un dos peixes azuis máis apreciados pola súa graxa, o alto valor enerxético e a súa achega en Omega 3.
Para preparar unhas deliciosas berenxenas recheas de xarda Pescamar, necesitamos os seguintes ingredientes:
- 2 latas de Filetes de Cabala do Sur en aceite de xirasol Pescamar
- 5 berenxenas
- 2 ovos
- 1 cebola grande
- pan moído
- 150 gramos (unha lata pequena) de millo doce
- 3 culleradas de salsa de tomate
- 150 gramos de migalla de pan
- cuarto vaso de leite
- 2 dentes de allo
- aceite de oliva
- sal
Elaboración:
Pelamos as berenxenas e partímolas ao longo en dous anacos. Baleirámolas con coidado. Reservamos esta polpa.
Cocemos as berenxenas en auga fervendo e sal durante dez minutos.
Fritimos a cebola, finamente picada, os allos e a polpa das berenxenas. Cando estea todo ben pasado, engadimos o contido das dúas latas de Filetes de Cabala do Sur en aceite de xirasol Pescamar (só a xarda, sen o aceite), a salsa de tomate e a migalla de pan previamente remollada en leite. Deixamos a lume lento uns poucos minutos, ata que se fundan os ingredientes. Retiramos do lume, engadimos o millo e os ovos batidos. Mesturamos.
Enchemos as berenxenas. Untámolas con aceite, pasámolas por pan moído e finalizamos gratinando ao forno.
En quince días, os produtos do mar serán de novo protagonistas dunha nova receita de "A cociña gourmet en conserva" de Conservas Pescamar.