Benestar Social e Down Pontevedra Xuntos cooperan para dotar de maior autonomía á mocidade con discapacidade

Pontevedra
26 de setembro 2022

As actividades desenvolveranse entre o 3 de outubro e o 26 de xuño e destínase a rapaces e rapazas con idades comprendidas entre os 8 e os 21 anos cun certificado de discapacidade no que conste un grao superior ou igual ao 33 % que non teñan un recurso en asociacións de discapacidade específica existentes en Pontevedra ou concellos limítrofes  

Marcos Rey, concelleiro de Benestar Social de Pontevedra
Marcos Rey, concelleiro de Benestar Social de Pontevedra / Concello de Pontevedra

Dotar a persoas con discapacidade intelectual dos apoios necesarios para aumentar a autonomía en todos os ámbitos da vida, traballando aspectos físicos, afectivos, cognitivos, comunicativos, sociais e de inclusión escolar é o principal obxectivo do Programa de Adquisición de Autonomía e Habilidades Sociais e Persoais impulsado pola Concellería de Benestar Social, en colaboración co colectivo Down Pontevedra Xuntos.

As actividades formativas, dirixidas exclusivamente á rapazada con certificado de discapacidade no que conste un grao superior ou igual ao 33% que estean en etapa educativa e que non teñan un recurso en asociacións existentes en Pontevedra ou concellos limítrofes, desenvolveranse entre o 3 de outubro de 2022 e o 26 de xuño de 2023, traballando en pequenos grupos que combinarán adestramento na aula con prácticas na rúa.

Con este programa preténdese previr a dependencia mediante a prestación dos apoios estritamente imprescindibles e creando aquelas oportunidades necesarias para que os usuarios poidan formar parte de comunidade, seguindo sempre criterios de normalidade.

"A adquisición das habilidades partirá de actividades sinxelas, que se irán facendo máis complexas en función da idade e da competencia persoal dos participantes, traballándose de xeito específico aquelas áreas nas que a persoa precisa mellorar, diminuíndo os niveis de dependencia persoal e axudando a potenciar a inclusión social. A aprendizaxe estará guiada por profesionais vencellados laboralmente con Down Xuntos, en coordinación coa súa responsable técnica", explicou o concelleiro Marcos Rey.

Entre os obxectivos específicos do programa figuran a mellora da capacidade de comunicación, o coñecemento do entorno habitual ou o desenvolvemento da autonomía no fogar