Cos obxectivos de previr a deterioración neuronal, fomentar o envellecemento activo e mellorar a calidade de vida das persoas maiores, a concellería de Benestar Social e a Asociación de Familiares de Enfermos de Alzhéimer e Outras Demencias (Afapo) impulsarán uns talleres de memoria nas parroquias de Pontevedra.
Estes obradoiros, que se desenvolverán en centros sociais, estarán dirixidos a persoas maiores de 55 anos que carezan de diagnóstico de enfermidade neurodexenerativa e desenvolveranse en grupos cun máximo de 15 participantes, traballando aspectos como a activación das funcións neuronais e funcionais a través de actividades como a estimulación cognitiva e física, a memoria, a linguaxe, a escritura, o cálculo, a atención, a reminiscencia, as gnosias, as praxias e as funcións executivas.
A colaboración institucional foi anunciada esta mañá de xoves no marco dun encontro que o concelleiro de Benestar Social, Marcos Rey, mantivo no centro terapéutico de Afapo (rúa da Curtidoira, 3, baixo) co seu presidente, José Manuel Fontenla, e outros membros da súa directiva, e no que o edil socialista tamén coñeceu a varios usuarios e a persoal da asociación. Rey subliñou "o importante papel que o envellecemento activo xoga á hora de afrontar a senectude e previr as enfermidades neurodexenerativas e a deterioración das capacidades psicofísicas nestas etapas".
"O Alzhéimer é unha enfermidade primaria, dexenerativa e de carácter progresivo, que afecta ás células cerebrais, causando a morte progresiva das neuronas. Para frear ou mitigar dita progresión, ademais do tratamento farmacolóxico, resulta de vital importancia a intervención terapéuticca e cotiá, traballando aspectos como a psicomotricidade, a estimulación cognitiva, a laborterapia... Neste sentido, os talleres de memoria supoñen a principal actividade da prevención de enfermidades neurodexenerativas. A intención é que o proxecto se poña en marcha a partir de xaneiro de 2023", declarou o concelleiro.
Nos obradoiros levaranse a cabo distintas técnicas e traballos grupais que axudarán a fomentar a cohesión entre as persoas, a sociabilidade, a diversión, o coñecemento mutuo e o traballo en equipo. Antes de dar comezo aos talleres, a traballadora social de Afapo informará do proxecto a todas as persoas interesadas e unha psicóloga realizará unha valoración cognitivo-funcional para descartar a posibilidade dunha deterioración cognitiva sen diagnosticar a través de diversos test.
Afapo naceu o 19 de febreiro de 2004 ante a necesidade de atender as demandas dun grupo de familiares afectados polas consecuencias do Alzhéimer. Na actualidade, é un referente na atención a persoas con demencia da localidade de Pontevedra, con 465 socios, atendendo de forma directa a 120 usuarios nas diferentes actividades programadas pola entidade.