Belas Artes recorda a Juan Carlos Meana, o decano que a conectou coa cidade

Pontevedra
04 de marzo 2023

Compañeiros, antigos alumnos e amigos de Juan Carlos Meana, profesor desde 1993 da Facultade de Belas Artes, da que foi decano entre 2010 e 2015, xuntáronse este venres para recordar a figura deste investigador, artista e ensaísta, falecido o pasado mes de xaneiro. O obxectivo era lembralo "a través de todas as súas facetas", segundo destacou a profesora Almudena Fernández Fariña

Homenaxe a Juan Carlos Meana en Belas Artes
Homenaxe a Juan Carlos Meana en Belas Artes / Universidade de Vigo

Compañeiros, antigos alumnos e amigos de Juan Carlos Meana, profesor desde 1993 da Facultade de Belas Artes, da que foi decano entre 2010 e 2015, xuntáronse este venres para recordar a figura deste investigador, artista e ensaísta, falecido o pasado mes de xaneiro.

O obxectivo era lembralo "a través de todas as súas facetas", segundo destacou a profesora Almudena Fernández Fariña, a encargada de conducir o acto de homenaxe.

Foi a partir das intervencións dos diferentes decanos e decanas, da proxeccións da súas obras, das lembranzas de compañeiros e amigos e da lectura de fragmentos de varios dos seus libros, recordando "a súa xenerosidade, sorriso, sentido do humor, humanidade ou respecto".

A violonchelista e estudante de doutoramento Macarena Montesinos foi a encargada de abrir cun diálogo entre as súas improvisacións musicais e dúas obras en vídeo do propio Meana.

O actual decano, Xosé Manuel Buxán, abriu as intervencións lembrando o labor do ex decano como "activista cultural" e algunhas das iniciativas que puxo en marcha como decano e coas que contribuíu á conexión da facultade coa cidade, "a proxectala fóra dos límites do edificio".

Ademais do resto de ex decanos que o sucederon, na homenaxe falou tamén, entre outros, José Chavete, compañeiro da facultade, que recordou o labor de Meana contribuíndo como docente "a crear xente con criterio para facer unha sociedade mellor"

A estas intervencións sumáronse amigos como Gorka Otsoa, que destacou que o ex decano era un tipo "reflexivo, intelixente e sereno" ou o crítico de arte, Ignacio Castro, que subliñou que Juan Carlos "chamaba a atención polo enorme calor humano que transmitía".

Os ex alumnos Gonzalo Rey, Román Corbato, Thomas Apostolou, Elena Bangueses e Fran Miguéns, e Ana Suárez, en representación do PAS, leron fragmentos dos seus libros, artigos ou textos para catálogos e houbo espazo para mensaxes en vídeo doutros compañeiros e amigos.