Beiras: "Feijóo e Rajoy representan a barbarie do poder. Queren retrotraernos ao franquismo"

Pontevedra
12 de outubro 2012

Nun Teatro Principal ateigado de xente, Xosé Manuel Beiras asegurou que o PP "está derrotado políticamente e agora só temos que derrotalos electoralmente". Dixo que a esquerda "ten que sumar forzas contra o enemigo común"

Xosé Manuel Beiras (A Nova) durante o mitin de AGE no Teatro Principal de Pontevedra
Xosé Manuel Beiras (A Nova) durante o mitin de AGE no Teatro Principal de Pontevedra / PontevedraViva

Xosé Manuel Beiras reencontrouse con Pontevedra e fíxoo ao grande. Feliz de volver participar nun acto político "nesta boa vila" e nun Teatro Principal cheo ata os topes, o candidato á presidencia da Xunta de Galicia por parte de Alternativa Galega de Esquerdas (AGE), a coalición liderada por A Nova e Esquerda Unida, demostrou que a súa carisma segue intacta.

Nun discurso cheo de referencias a grandes figuras da vida pontevedresa como Daniel da Sota, Cruz Gallástegui ou Alexandre Bóveda, Xosé Manuel Beiras denunciou que o Goberno "actúa contra os intereses dos cidadáns e ataca as liberdades cívicas, as necesidades máis perentorias da cidadanía, utilizando os resortes do poder para mallar na maioría social".

Segundo o veterano político, Alberto Núñez Feijóo e Mariano Rajoy "representan a barbarie do poder" e acusounos de que "dunha forma cada vez máis descarada, queren retrotraernos ao franquismo". A saída desta situación, dixo, pasa por "unha rebelión cívica da maioría social que retome e actualice os valores republicanos que serviron de fundamento á loita democrática".

En opinión de Beiras, a urxencia da situación económica, que cualificou de "unha gran depresión máis profunda que a dos anos 30", obriga a que a fronteira entre o nacionalismo e o españolismo (en relación á súa coalición) "sexa atravesada para sumar forzas contra un inimigo común que goberna contra os cidadáns", personificado, insistiu, nas figuras de Nuñez Feijóo, Rajoy e Merkel.

Pola súa banda, a líder de EU-IU e número 2 da candidatura de AGE pola Coruña, Yolanda Díaz, fixo na súa intervención un percorrido sobre as cuestións que, ao seu xuízo, fan que a cidadanía desconfíe da política, especialmente "unha corrupción insoportable, os privilexios dos políticos e a forma interesada na que se utiliza o poder do Estado en beneficio propio".

Yolanda Díaz defendeu a AGE como "unha alternativa de política honesta" e presentouse como "a única forma de erradicar a barbarie social que vivimos". A política desta coalición, dixo, "é necesaria para ter sanidade e ensino público, para ter acceso á xustiza, para ter servizos que permitan crecer en sociedade". Por iso, instou a evitar como sexa que "os que queren desarmar a sociedade decidan por nós".

No mitin interveu tamén Juan Fajardo, candidato por Pontevedra, que mostrou a súa preocupación por unha situación social que cualificou de extrema e por un goberno que "leva á ruína económica a milleiros de familias mentres viaxa en jet privado e presume de solvencia". Por iso, insistiu na necesidade de "parar á dereita", porque, dixo, se o PP gaña as eleccións "Rajoy sentirase lexitimado para acabar con todo".

Arquivado en