As obras para converter o tramo da PO-308 que pasa por Portonovo nun bulevar avanzan a bo ritmo. Xa se renovaron máis do 50% das canalizacións previstas na primeira fase. A partir da próxima semana, empezará a construírse os bordos das beirarrúas.
O cronograma dos traballos marca xuño como o final desta primeira fase, que vai desde o inicio da estrada da Lanzada ata o entroncamento coa Travesía Areal.
A obra volverá retomarse tras o verán para non afectar á actividade turística e comercial.
A pesar de que o tránsito peonil e tamén o rodado están garantidos de forma segura, o Concello lamenta as molestias que poden ocasionar unha actuación desta envergadura no día a día dos negocios e dos veciños da contorna.
O resultado, segundo o alcalde Telmo Martín, "merecerá a pena e culminará coa humanización do corazón comercial de Portonovo".
O deseño proxectado tamén inclúe a renovación dos servizos coa instalación das canalizacións subterráneas para o cableado de telefonía e para a electricidade ou a renovación das redes de abastecemento, saneamento, pluviais e de iluminación pública.
A adxudicataria da obra, Oresa Construcción y Servicios Globales, executa a obra por algo máis de 2,3 millóns, dos cales o 70% asume a Xunta de Galicia, mentres que o Concello paga o 30% restante, segundo consta no convenio.
A actuación céntrase nun tramo de 810 metros e o obxectivo é conseguir que nesta vía gañen protagonismo as persoas fronte aos vehículos logrando unha mellora na accesibilidade e seguridade viaria.