- Vostede cre en E.T.?
Así abordaba un estudante este luns no Pazo da Cultura a unha das astrofísicas de máis sona mundial. Trátase de Begoña Vila, unha científica viguesa que actualmente lidera o grupo de traballo da NASA responsable de por en órbita o telescopio espacial James Webb, sucesor do Hubble, e que ofrecerá unha visión con ondas infravermellas do espazo, un proxecto que permitirá coñecer máis sobre a orixe das galaxias e sobre a posibilidade de vida noutros planetas.
Con motivo do Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia, o Concello desenvolveu este encontro a través de videoconferencia con Begoña Vila, a especialista nas galaxias espirais formada na Universidade de Santiago. A prestixiosa astrofísica explicou a un auditorio ateigado de estudantes de cinco escolares de Pontevedra como o novo telescopio no que traballa na NASA ten as dimensións dunha cancha de tenis, está formado por 18 espellos protexidos por unha capa de ouro e vai someterse no espazo a temperaturas de 230 graos baixo cero.
Vila tamén fixo referencia á importancia de que as mulleres estuden carreiras científicas e lanzou unha chamada pola igualdade neste terreo ao afirmar que é mellor traballar en equipos mixtos que naqueles que estean formados só por homes ou só por mulleres.
A continuación, sometíase á curiosidade dos escolares para aclarar que tiña moitos referentes no terreo da astrofísica e falou de Abbot; de Einstein; da protagonista da película 'Figuras ocultas', Katherine Johnson, a matemática afroamericana que calculou as traxectorias de vó á lúa do Apolo 11; e de Vera Rubin, a astrónoma que realizou importantes avances na investigación da materia escura.
Begoña Vila explicou que as súas constelacións preferidas son Casiopea e Orión para, a continuación, seguir respondendo ás preguntas máis profundas dos estudantes sobre os buracos negros e o futuro da terra. Un futuro que, lles aclarou, rematará dentro de miles de millóns de anos cando o sol morra e estoupe. Pregou o alumnado, que erguía as mans para seguir a facer preguntas, unha meirande preocupación e coidado do planeta "porque é onde vivimos".
A astrofísica galega aclarou que, malia que lle gustara moito a película de Spielberg, non cre que os extraterrestres fosen como E.T., pero iso si, confía en que haxa vida noutra parte. Unha resposta recibidad polos aplausos entusiastas dos estudantes de San Martiño, Ponte Sampaio, Marcos da Portela, Parada-Campañó e Álvarez Limeses, que desde hoxe verán as estrelas cunha ollada máis científica e feminista.
A xornada continúa nunha mesa redonda ás 20.00 horas na Casa das Campás de Pontevedra co título 'Muller e ciencia'.