Batería de accións de mantemento no rural pontevedrés antes de final de ano

Pontevedra
06 de decembro 2020

Dende este mes de decembro está en marcha o novo contrato de sostemento dos espazos públicos rurais que ten un investimento de máis dun millón de euros en tres anos para resolver incidencias, urxencias e reparacións

Traballos de bacheo en Lourizán
Traballos de bacheo en Lourizán

A concellería do Rural traballa a pleno rendemento durante o mes de decembro.

Segundo avanzaron desde o departamento xestionado polos edís Alberto Oubiña e Pilar Comesaña, este mes entrou en funcionamento o novo contrato de mantemento dos espazos públicos no rural, un contrato que supera o millón de euros e que se suma a distintas obras de diversa envergadura en nove parroquias que se achegan aos 400.000 euros.

Aplicando a parte proporcional deste ano do contrato de mantemento de espazos xunto ao custo das obras que se executarán en decembro estase habilitando, aseguran, un investimento de 754.866,57 euros.

Neste momento execútanse traballos en todas as parroquias como bacheos en Lourizán ou como os espazos que se crearon para o sostemento de contedores no lugar de Acevedo, en Ponte Sampaio. Son labores atribuídos ao contrato: bacheos, reparacións de pavimentos, sinalizacións horizontais e verticais, pintados, balizamentos, rozas, limpezas, retirada de entullos caídos ás vías municipais ou melloras na rede de augas pluviais, entre outras actuacións.

Paralelamente puxéronse en marcha obras de maior envergadura en nove parroquias, con traballos de pavimentación, saneamento, recollidas de pluviais ou seguridade viaria en Ponte Sampaio, Lérez, Alba, Campañó, Marcón, Tomeza, Salcedo, Lourizán e Mourente.