O Concello de Barro continúa dando pasos para chegar co saneamento á maior cantidade de vivendas posibles. Nestes momentos, ten en marcha dous proxectos cun importe total de 76.000 euros para levar o saneamento ao lugar de Güimil e mellorar a depuradora da Portela.
En concreto, está executando un proxecto para dotar de servizo de saneamento ao lugar de Güimil, na parroquia de Agudelo, e a varias casas do lugar de Outeda, na parroquia de Curro.
Trátase dun proxecto de ampliación da rede de saneamento que ten como obxectivo chegar co servizo de saneamento a máis lugares e conta cun orzamento de 51.511,90 euros. Foi adxudicado á empresa Construcións Caldevergazo S.L., por ser a que presentou a mellor oferta.
De xeito paralelo, estanse realizando obras para mellorar o funcionamento da depuradora da Portela, que dá servizo a varios lugares das parroquias da Portela, Curro e Agudelo. A actuación consiste na instalación dun sistema de tratamento previo.
Esta actuación ten un orzamento de 25.000 euros e está sendo executada pola empresa Garocaprim S.L.
Barro tamén está traballando na construción dunha nova depuradora central, que dará servizo á maior parte do concello. Nos vindeiros meses sairá a concurso público a redacción do proxecto desta nova estación de tratamento de augas residuais, para a cal o concello xa ten comprados os terreos no lugar do Carballal.