Barro suspende a Festa do Viño e opta por actividades culturais polas parroquias

Barro
19 de maio 2021

O goberno municipal de Barro, de acordo cos representantes das adegas que elaboran viño ao amparo da DO Rías Baixas, tomou a decisión de suspender a Festa do Viño. A covid-19 obrigou, por segundo ano consecutivo, a ter que prescindir do evento

Festa do Viño de Barro 2018
Festa do Viño de Barro 2018 / Diego Torrado

O goberno municipal de Barro, de acordo cos representantes das adegas que elaboran viño ao amparo da DO Rías Baixas, tomou a decisión de suspender a Festa do Viño. A covid-19 obrigou, por segundo ano consecutivo, a ter que prescindir do evento.

A actual situación sanitaria impide celebrar verbenas ou outro tipo de actividades como a tradicional sardiñada da Festa do Viño, polo que o sector optou por promocionar os viños de Barro a través da hostalaría local.

O Concello agarda que no vindeiro ano se poida celebrar unha edición sen restricións e na que tanto a veciñanza como os visitantes poidan desfrutar deste evento con total normalidade.

A raíz desta suspensión, os responsables municipais decidiron dedicar os cartos que se ían investir na Festa do Viño para levar actividades culturais en pequeno formato polas parroquias, extremando todas as medidas de seguridade.

Este ciclo de actividades inaugurarase cun concerto de Luar na Lubre o sábado 19 de xuño, financiado con cargo ao Programa Musigal 2021 da Deputación de Pontevedra.