O Goberno municipal de Barro sacará a concurso, cun orzamento de 50.000 euros, a redacción do proxecto da nova Estación de tratamento de augas residuais (EDAR) que servirá para chegar co servizo do saneamento a todas as parroquias do concello.
Para Xosé Manuel Fernández Abraldes, alcalde de Barro, esta infraestrutura "é imprescindible para poder chegar con este servizo tan importante a todas as parroquias", por iso a construción da depuradora "é fundamental para ampliar este servizo do que, hoxe en día, ademais dos veciños e veciñas do núcleo urbano, só pode desfrutar a veciñanza de poucos lugares".
Para albergar esta EDAR que dará servizo a todo o Concello, o alcalde asinou hai dous anos a compra por valor de 53.000 euros dunha parcela de máis de 7.000 metros cuadrados no lugar do Carballal. A idea de Fernández Abraldes é que teña capacidade para máis vivendas das actuais, pensando na posibilidade de crecemento a largo prazo do municipio.
A parcela está localizada a carón da N-550 e na parte central do Concello, respondendo a criterios técnicos necesarios para un equipamento destas características e conta co informe favorable de Augas de Galicia.
Nunha primeira fase, esta nova EDAR servirá para dar servizo a todo o núcleo. O Obxectivo do Goberno municipal será, unha vez realizado o proxecto e ter calculado o valor da infraestrutura, buscar apoio financeiro doutras administracións para que sexa unha realidade o antes posible.