Que se esclareza todo o sucedido en relación ao asasinato de Jéssica Méndez e que se investigue todo o período no que foi presuntamente acosada por José Eirín. É o que reclamou a corporación municipal de Barro no pleno celebrado onte á noite.
Nunha declaración institucional consensuada por todos os partidos, Barro amosou a súa condena polo feminicidio de Jéssica e enviou unha mensaxe de cariño e respaldo á familia e amigos da muller asasinada "nestes intres de tanta dor".
A corporación municipal defendeu que "ningunha muller debe sufrir nunca violencia, nin física, nin verbal, nin en forma de acoso, nin en ningunha das múltiples expresións nas que pode manifestar a violencia machista".
Na mesma sesión plenaria e tamén por unanimidade, Barro aprobou outra declaración institucional de condena á invasión rusa na Ucraína, para mostrar a solidariedade co pobo ucraíno e demandar o retorno á vía diplomática como única forma de acadar a paz.