Barro quere mellorar a seguridade viaria da PO-531 ao seu paso pola localidade de Outeda. O pleno da corporación acordou o envío dun escrito á Consellería de Infraestruturas e Vivenda para que se tomen medidas de acougado de tráfico, así como proceder á reurbanización do tramo para a mellora da seguridade de persoas e peóns.
O alcalde, Xosé Manuel Fernández Abraldes, xa transmitira esta demanda días atrás ao xefe territorial da consellería en Ponttevedra. Neste encontro, o rexedor solicitou que se extremen as medidas de seguridade para o cruzamento da estrada unha vez que se executen as obras previstas no PO-531 á altura de Bretoña e que se repare o vial de servizo, así como procédase á roza dos noiros na variante desta estrada, na contorna da igrexa e o cemiterio parroquial.
Desde o goberno local entenden que a solución aos problemas de seguridade desta estrada pasan por dar cumprimento a unha demanda histórica dos veciños. De feito a Consellería xa se comprometera hai anos a urbanizar o tramo e dotalo de elementos que contribúan a incrementar a seguridade viaria.
No 2018, a corporación xa remitira un escrito á Xunta para pedirlle esta actuación sen recibir resposta, por iso volven envialo agora.