Barro recibe as primeiras inspeccións do novo servizo de vixilancia e control da xestión de residuos

Barro
15 de abril 2024
Actualizado: 30 de setembro

Os técnicos provinciais xa están a visitar os establecementos comerciais co obxectivo de que sexan parte activa na xestión responsable dos bidorresiduos e axudarlles no cumprimento da nova lexislación en materia de residuos

Mestres composteiros
Mestres composteiros / Clara Alonso

A Deputación de Pontevedra deu comezo ás visitas do Servizo de vixilancia, inspección e control de xestión de residuos (SEVIC), ao que se adheriron xa 15 concellos da provincia (A Cañiza, A Guarda, As Neves, Baiona, Barro, Bueu, Cangas, Gondomar, Meis, Moaña, Mondariz-Balneario, O Rosal, Salceda de Caselas, Silleda e Tomiño) e que axudará aos gobernos municipais no cumprimento da nova lexislación nesta materia.

En concreto, comezaron xa as visitas aos comercios de Barro e Baiona, co fin de que sexan parte activa na xestión responsable dos biorresiduos, contribuíndo así á preservación do medio ambiente e ao fomento de espazos más limpos e saudables para todos os seus habitantes. 

A través destas visitas, que se desenvolverán ao longo das vindeiras semanas en todos os concellos adheridos ao servizo, estase a proporcionar aos establecementos comerciais orientación sobre as mellores prácticas para a separación e manexo adecuado dos residuos, así como facéndolles entrega de materiais educativos. 

Ademais, tamén se pretende aproveitar as visitas para recadar información para avaliar o cumprimento da normativa aplicable, concretamente, na correcta separación dos residuos nas diferentes fraccións e garantir a súa recollida separada.

Ao abeiro do SEVIC, os produtores de residuos estarán suxeitos a inspeccións periódicas e serán levadas a cabo polo corpo de funcionarios habilitado pola Deputación, que terán a consideración de axentes da autoridade. Deste xeito, os feitos constatados por este persoal formalizaranse nunha acta e gozarán da presunción de certeza a efectos probatorios.

NOVA WEB DE RESIDUOS

A Deputación de Pontevedra acaba de poñer en marcha unha nova web de residuos no portal provincial. Nela, pode atoparse información sobre os diferentes programas que ten en marcha nesta materia, como o propio SEVIC, a compostaxe local, os programas de formación, o servizo de retirada de vehículos abandonados ou o programa educativo Ponte a Zero. 

Ademais, na nova web poden consultarse diferentes normativas neste ámbito, así como guías e manuais que ofrecen instrucións paso a paso, consellos e estratexias para que concellos, empresas e cidadanía xestionen os residuos de maneira eficaz e respectuosa co medio ambiente.