Barro quere que o parque de Barosa sexa declarado BIC

Barro
01 de outubro 2020

O Pleno da Corporación de Barro aprobou este mércores por unanimidade unha moción presentada polo PSOE pola que se insta a que o Concello realice as xestións oportunas para acadar ese recoñecemento, que faría posible acceder a axudas doutras administracións 

Parque natural de Barosa, en Barro
Parque natural de Barosa, en Barro

O Pleno da Corporación de Barro aprobou este mércores por unanimidade unha moción presentada polo PSOE pola que se busca a declaración do parque de Barosa como Ben de Interese Cultural (BIC). 

A moción presentada polo PSOE destaca a importancia patrimonial de Barosa e insta a que o Concello realice as xestións oportunas para acadar ese recoñecemento, que faría posible acceder a axudas doutras administracións.

Ademais, demanda a recuperación do Espazo Natural de Barosa porque, segundo o voceiro socialista, José Sanmartín, a situación do parque é "moi mellorable" e necesita unha actuación de mínimos urxentes, ademáis de solucionar os problemas de accesibilidade e a depuración de augas residuais.

Entre outras medidas, a moción aprobada propón que o Concello acometa a urxente reparación da ponte de Barosa de Arriba, que presenta un estado de deterioro co consecuente risco para as persoas. Ademais, Sanmartín demandou que, de forma provisional, se instale unha sinalización de prohibido o paso na zona. 

A moción aprobada por todos os grupos tamén solicita a revisión das dúas fosas sépticas ubicadas no parque natural, que precisan dun mantemento e renovación e require a colocación de pezas de pedra nos mesados e na rampla de acceso na primeira ponte, onde quedou sen colocar a pedra da base da entrada.

O documento tamén fai referencia ao estudo da renovación da concesión do Muíño de Abaixo que remata no ano 2021.