O Concello de Barro pon en marcha unha campaña nas redes sociais para fomentar o consumo no comercio local. Baixo o lema Merca en Barro, o goberno local trata de concienciar á cidadanía da necesidade de fomentar as compras nos pequenos comercios, hostalería e demais negocios próximos ante a preocupante situación económica derivada da pandemia da Covid-19.
"Tomar un café, cortar o cabelo, comprar un ramo de flores, facer a compra do mes, amoblar a casa ou sacar o carné de conducir son algunhas das moitas cousas que se poden facer moi preto das nosas vivendas", animan desde o Concello a poñer en práctica unhas rutinas que non só contribuirán ao fortalecemento da economía local, tamén terá un impacto positivo no medio ambiente ao reducir o uso dos coches e, en consecuencia, as emisións de dióxido de carbono.
Baixo o paraugas do programa municipal AxudémoNOS levarán a cabo diversas iniciativas de apoio ao comercio local. Despois da estrea dun vídeo promocional, o seguinte paso será a realización dunha guia de profesionais que exercen a súa actividade no municipio para que todos os veciños saiban que servizos teñen ao seu alcance.