Barro insiste en cambiar o trazado do treito final da A-57

Barro
13 de xullo 2017

O trazado do treito final da A-57 elixido polo Ministerio de Fomento non termina de gustar no Concello de Barro polo "grande impacto" que suporía para toda a zona de Curro a construción da autovía tal como está prevista. De aí que o goberno municipal confirmara este xoves que seguirán traballando para que se modifique

Xosé Manuel Abraldes, alcalde de Barro
Xosé Manuel Abraldes, alcalde de Barro /

O trazado do treito final da A-57 elixido polo Ministerio de Fomento non termina de gustar no Concello de Barro polo "gran impacto" que suporía para toda a zona de Curro a construción da autovía tal como está prevista. De aí que o goberno municipal confirmara este xoves que seguirán traballando para que se modifique.

O alcalde, Xosé Manuel Fernández Abraldes, lamentou que a declaración de impacto ambiental do proxecto da A-57 no tramo Pilarteiros-Barro non tivera en conta as alegacións presentadas polo Concello.

O Concello, engadiu, segue apostando pola alternativa coñecida como CO-5, que discorre dende o cruce coa AP-9 ata a zona actual da peaxe, para enlazar dende aí có macromuro existente e todas as demais vías de comunicación.

A alternativa escollida polo Ministerio, "a CO-3 con melloras", supón unha actuación "moi agresiva" para a parroquia de Curro, tanto na zona de Igrexa como na de Bretoña, coa construción dun novo ramal non previsto inicialmente para enlazar coa PO-531.

Esta actuación, segundo o rexedor, tamén afecta negativamente ás previsións de mellora da PO-531 e farán que o tráfico que con dirección ao polígono ou ao macromuro, que non queiran entrar na autovía, teña que pasar obrigatoriamente polo tramo da antiga estrada PO-531, "que non reúne condicións para volver a soportar máis tráfico do que recibe actualmente".

O alcalde confirmou que xa ten pedida unha reunión na Demarcación de Estradas do Estado, pois na anterior reunión mantida co seu responsable, "dixéronos que as alegacións do Concello lle parecían moi razoables pero que había que esperar á publicación da declaración de impacto ambiental" e agora, di, "non explican por que descartan a alternativa proposta".

Tamén está solicitada outra reunión coa conselleira de Infraestruturas da Xunta de Galicia para aclarar cal é a súa posición sobre a proposta do ministerio, pois parece que "aínda que piden priorizar a alternativa CO-5, tampouco rexeitan a CO-3 con melloras".

Barro pediralle a este departamento autonómico que manteña unha "posición clara" diante de Fomento de rexeitamento a esa proposta, "polo que significa de cambios negativos con respecto á PO-531 da súa titularidade e o impacto tan agresivo que tería para o concello e os veciños de Barro".

Arquivado en