O Concello de Barro, en colaboración coa asociación ambientalista Amigos da Terra e apoiado polo Ministerio de Medio Ambiente, comeza cunha nova etapa na campaña para establecer o programa de compostaxe doméstico. Esta iniciativa destínase a 80 familias do municipio coa idea de mellorar o modelo de xestión dos residuos orgánicos.
O goberno local adoptou esta situación como consecuencia do aumento da cantidade de residuos orixinados en Barro. Este mércores 12 ás 20.00 horas vai desenvolverse unha actividade formativa na Casa da Fábrica de Curro co obxectivo de que 20 familias adquiran coñecementos sobre a utilización dos composteiros individuais.
Neste encontra repartirase o material, consistente nun composteiro de 400 litros para cada familia participante e un manual en que se detalla todo o proceso para a súa utilización.
Durante un ano, a veciñanza contará con asesoramento técnico personalizado a domicilio por parte dos técnicos da asociación ambientalista Amigos da Terra.
Desde o Concello de Barro lembran que todas as familias que conten cunha vivenda unifamiliar no municipio con parcela anexa e queiran formar parte deste programa poden apuntarse nas instalacións municipais.