Barro destina máis de 2,3 millóns de euros ao novo contrato do servizo de axuda no fogar

Barro
30 de xaneiro 2025

O contrato actual chegou ao seu fin e a empresa adxudicataria declinou exercer o seu dereito de prórroga por un ano máis.

Servizo de axuda no fogar
Servizo de axuda no fogar / Foto creada por rawpixel.com - www.freepik.es

O pleno do Concello de Barro acordou sacar a contratación a renovación do contrato do servizo de axuda no fogar.

O contrato actual chegou ao seu fin e a empresa adxudicataria declinou exercer o seu dereito de prórroga por un ano máis.

A licitación do contrato terá un prezo de saída de 22,80 euros a hora, fronte aos 16 euros á hora que se viña pagando até o momento, o que implica unha suba que obrigou ao Concello a detraer fondos doutras partidas para dedicarlle a esta cuestión.

O orzamento base desta licitación é de 2.387.000 euros e terá unha duración de tres anos máis un opcional de prórroga, e a nova adxudicataria terá a obriga de subrogar todo o persoal que está traballando actualmente neste servizo.

Os criterios que empregará o Concello para a adxudicación son varios, pois puntuarase a baixa económica ofertada polas empresas licitadoras, así como a inclusión dos servizos de podoloxía, fisioterapia e acompañamento.

O alcalde de Barro, Xosé Manuel Fernández Abraldes, recalcou que este servizo é "esencial" e que "o Concello fará sempre todo o que estea na súa man para que as persoas que máis o precisan non queden desatendidas".

Abraldes foi moi crítico coa Xunta e recalcou que "este é un servizo que non é competencia municipal, senón que é competencia directa da Xunta", como así o determina a lei de dependencia.

Os concellos, engade o alcalde, "deberían ser unicamente intermediarios e colaboradores", pero que se ven "obrigados" a dedicar unha parte importante dos seus recursos "a un servizo que non lles corresponde".

Para o alcalde de Barro, con esta cuestión a Xunta "abandona os concellos" ao non lles aportar a totalidade do financiamento para cubrir os custes deste servizo á cidadanía dependente.