Barro aproba uns presupostos récord para 2023 nos que aumenta o gasto social

Barro
27 de outubro 2022

Os orzamentos aumentan en 107.000 euros a respecto dos anteriores, acadando así a súa maior cifra histórica, 2.807.400 euros

José Manuel Fernández Abraldes, alcalde de Barro
José Manuel Fernández Abraldes, alcalde de Barro / Concello de Barro

O Pleno da corporación municipal de Barro aprobou os orzamentos para o ano 2023 presentados polo goberno local na sesión extraordinaria celebrada este mércores. 

Os orzamentos aumentan en 107.000 euros a respecto dos anteriores, acadando así a súa maior cifra histórica, 2.807.400 euros.

As contas para o exercicio do ano que vén destacan por continuar conxelando as taxas e impostos un ano máis; polo aumento no gasto social chegando á cifra total de 729.700 euros e por dedicar máis de 100.000 euros ao polígono de Curro, diñeiro co que entre outras cousas o goberno municipal facilitará o asentamento de empresas no parque empresarial. Os orzamentos foron aprobados con 6 votos do BNG, con dúas abstencións de PP e PSOE e cos votos en contra dos concelleiros do grupo de non adscritos. 

No Pleno tamén se deu luz verde a unha modificación de crédito promovida polo goberno municipal por un valor total de 129.000 euros, dos cales 100.000 serán para facer fronte no caso de ser necesario a posibles subidas do gasto enerxético nas últimas facturas do ano, mentres que os restantes son para gastos menores, entre os que se atopa a adquisición dun marcador deportivo electrónico para o pavillón municipal de Santo Antoniño. 

Esta modificación de crédito foi aprobada cos votos a favor do BNG e do PSOE, coa abstención do PP e cos votos en contra dos concelleiros do grupo de non adscritos.