Barro aproba "os orzamentos do emprego" para 2020

Barro
16 de novembro 2019

Barro aprobou o orzamento para o ano 2020 nun pleno extraordinario celebrado este venres. As contas municipais ascenden a 2.494.200 euros e destacan por volver a conxelar os impostos e as taxas e por dedicar unha partida moi importante para facilitar o asentamento de empresas no polígono de Outeda-Curro

Goberno municipal de Barro
Goberno municipal de Barro / Concello de Barro

O Concello de Barro aprobou o orzamento para o ano 2020 nun pleno extraordinario celebrado este venres. As contas municipais ascenden a 2.494.200 euros e destacan por volver a conxelar os impostos e as taxas e por dedicar unha partida moi importante para facilitar o asentamento de empresas no polígono de Outeda-Curro.

Para o alcalde, Xosé Manuel Fernández Abraldes, "son os orzamentos do emprego", pois o Concello vai facer, no vindeiro ano, un esforzo "moi importante" para apoiar as empresas existentes no polígono e ao mesmo tempo "facelo atractivo" para que outras empresas decidan asentarse en Barro, "co que conseguiremos unha mellora na actividade económica e a creación de novos postos de traballo que axuden a paliar o desemprego".

A partida destinada ao polígono ascende a 107.300 euros dos cales 53.300 son para o mantemento e servizos desta infraestrutura e os restantes 54.000 vanse dedicar a financiar boa parte dos gastos do abastecemento de auga potable, e rebaixando dunha maneira importante os custos que terán que asumir as empresas por estes servizos do ciclo da auga.

Así mesmo, a atención social segue sendo un dos capítulos aos que se dedica unha parte moi importante do orzamento, acadando os 441.200 euros.

A dinamización social e cultural e a colaboración con aquelas entidades que desenvolven un labor social, facilitándolle aos nenos do concello a posibilidade de desenvolverse cultural e deportivamente, seguirá sendo un eixo fundamental na xestión do goberno para o vindeiro ano.

E en canto á débeda, neste orzamento vólvense a dedicar preto de 200.000 euros para a amortización dos créditos pendentes. E nesta liña, o goberno municipal agarda acadar a débeda cero no ano 2021.