"Barferencia" de Antonio Costa sobre os petróglifos de San Xián

Marín
19 de novembro 2017

As xornadas pola protección e posta en valor do patrimonio desta parroquia organizadas pola Asociación Monte Pituco e a Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo completaranse ao día seguinte cunha andaina

A Carrasca
A Carrasca / Asociación Monte Pituco

A Asociación Monte Pituco e a Plataforma en Defensa dos Montes do Morrazo organiza unhas xornadas pola protección e posta en valor do patrimonio de San Xián que comezarán este venres día 24 cunha barferencia ás 19:30 horas, isto é unha conferencia nun bar, neste caso na Adega A Capeleira de Marín (rúa do Forno, 23) a cargo do experto en patrimonio, investigador e divulgador Antonio Costa.

As xornadas continuarán o sábado 25 cunha andaina que sairá ás 10:00 horas dende o adro da igrexa de San Xián, percorrendo os lugares de A Carrasca, Champás, o rego de Castiñeiras e Pelagartos, para finalizar sobre as 14:00 horas no punto de inicio da ruta.

O obxectivo destas xornadas é dar a coñecer o importante e variado patrimonio cultural e arqueolóxico de San Xián, que vai dende o neolítico ata a era moderna.

Tamén pretenden concienciar a veciñanza sobre a riqueza desta parroquia como unha das zonas con maior densidade e diversidade de petróglifos prehistóricos non só do Concello de Marín, senón da península do Morrazo.

Ademais, reivindican a posta en valor dos conxuntos rupestre da Carrasca e de Champás, para que formen parte da necesaria conexión co corredor ambiental e cultural entre o espazo natural e arqueolóxico dos Sete Camiños e o lago de Castiñeiras.

Arquivado en