Ao berro de "barco vén!", centos de piratas infantís abordan A Ferrería

Pontevedra
04 de marzo 2025

Tarde festiva en Pontevedra no martes de Entroido co público infantil gozando da festa pirata que contou coa actuación estelar de Uxía Lambona e a Banda Molona

Festa pirata infantil
Festa pirata infantil /

Este martes 4 de marzo, Pontevedra enchía de risas, música e espírito bucaneiro festivo coa súa xa icónica Festa Pirata.

A partir das 17.00 horas, a praza da Ferrería converteuse no centro das actividades para os máis pequenos, quen gozaron dunha tarde máxica acompañada do concerto dunha das agrupacións referentes nestas propostas cargadas de enerxía, Uxía Lambona e a Banda Molona.

A agrupación viguesa, que conta con milleiros de seguidores por toda Galicia, ofreceu un espectáculo cheo de entusiasmo e ritmo.

Coñecidos por reinventar a música tradicional galega con estilos modernos como ska, rock e hip-hop, Uxía Lambona e a Banda Molona non só entreteñen, senón que tamén educan e conectan os nenos coas súas raíces culturais.

Durante o concerto, interpretaron algúns dos seus grandes éxitos, incluíndo 'Entroido', un tema lanzado no mes de febreiro nas súas redes sociais e dedicado con entusiasmo a esta celebración tan arraigada en Galicia. Segundo explican os seus integrantes, a canción busca captar a esencia vibrante do Entroido e animar o público a gozar ao máximo.

A diversión continúa ata altas horas coa chegada dos barcos á Noite Pirata, lembrando a Benito Soto, o terrible pirata local, nacido en 1805, responsable do saqueo de numerosos barcos británicos.

O evento ofrece un espectacular pasarrúas coa participación de agrupacións como Os da Caña, Solfamidas, Las Flores del Carnaval, Os Miúdos, As Sonecas, Os Paparrulos, Os Canecos, Os 100Tolos, Os Retrincos, Os Amigos dos Rapaces e Alegría de Bora.