Barbie e Ken competirán no Entroido pontevedrés coas "peluches friorentas"

Pontevedra
06 de febreiro 2024

A exitosa película volveu poñer de moda o atavío destes bonecos de Mattel. Os disfraces de Ken e Barbie, os preferidos entre os adolescentes, representan a fantasía e o desenfado tan presentes neste tempo de Entroido

Ana, Mirna, Beti e Noli mostran os coloridos complementos que venden na mercería Anabeti
Ana, Mirna, Beti e Noli mostran os coloridos complementos que venden na mercería Anabeti / Mónica Patxot

Malia o tempo cálido dos últimos días, as predicións meteorolóxicas avanzan que o Entroido se vivirá en Pontevedra e comarca con temperaturas frías, propias desta época do ano.

Á hora de escoller disfrace, parece que os adolescentes foron os máis previsores, como nos confirma Melissa González, a encargada da tenda de artigos de festa e disfraces Party Fiesta. "Os adolescentes veñen en grupo para ver ideas, pero moitos xa compraron os seus disfraces, sobre todo de peluchiños ou animaliños, para ir abrigados".

Para os de maior idade, este ano a tendencia é un retorno de "todo o de sempre", afirma González. Hippies, indios, vaqueiros, ochenteiros ou pallasos son algúns destes disfraces.

Outro hábito da clientela é comprar só os complementos. Entre outros, lentes, perrucas, colares, luvas, bigotes, chapeus ou guitarras inchables, "para ir de roqueiro", matiza a encargada. 

Este ano, como no medio da semana de Entroido celebrarase o Día dos Namorados, tiveron algún cliente que preguntaba por un disfrace de Cupido para San Valentín. Como xa estaban esgotados, hai quen optou por comprar unha perruca e o arco de indio para despois "tunealo".

BARBIE & KEN

Pero o disfrace que sen dúbida arrasa este ano é o de Barbie e Ken, sobre todo entre o público adolescente. En xeral, nos últimos meses todo o relacionado coa exitosa película está a ter moita saída.

O personaxe de Ken é escollido tanto por público masculino como feminino, porque é unha vestimenta moi cómoda. O de Barbie préstase a xogar coas perrucas e a maquillaxe. Ambos os bonecos de Mattel representan a fantasía e o desenfado tan presentes neste tempo de Entroido. 

Precisamente a maquillaxe é outra gama de produtos que dispara as súas vendas nestas datas. En Party Fiesta confirman que a "maquillaxe á auga" imponse entre as preferencias dos pontevedreses, xa que é hipoalerxénica e quítase moi fácil con auga e xabón. "Temos xente que vén expresamente a comprar a maquillaxe á auga Grimas, que é unha marca que mesmo usan os profesionais en películas".

PÚBLICO INFANTIL

Estes días están a ter moita saída os accesorios para nenos. Melissa explica que os pais adoitan vir cunha lista remitida polos colexios. "Por exemplo, o día do pixama, que xa levan o seu de casa resólveno, pero para outros días veñen buscar unhas lentes, un bigote, algo para a cabeza...".

Trasladámonos a outro establecemento da cidade para coñecer máis tendencias para público infantil. Na xoguetería Din & Don comentan que este ano coincidiu que lles pediron para varios colexios disfraces de froitas, pero tamén de indios ou piratas.

Na tenda da praza dos Nenos, teñen disfraces infantís a partir de 6 meses e ata os 12 anos, aproximadamente. Para os máis pequenos, a dependenta Ainoa Gómez apunta que os traxes de pitiño, dragonciño e pingüín son os máis vendidos, porque "así o bebé pode ir cómodo e quentiño na cadeira". 

Para todas as idades, os traxes de superheroes son os máis demandados. En canto a personaxes, Frozen mantense dende hai anos como un dos máis solicitados entre as nenas. 

Con todo, tamén perviven os disfraces clásicos de animais, indios, pallasos ou princesas.

COMPLEMENTOS VARIOS 

Para os menos mañosos, outra opción é contratar a elaboración do disfrace nun taller de costura. Na mercería Anabeti, aos arranxos habituais de diferentes pezas, nas últimas semanas sumouse o encargo do vestiario dunha comparsa enteira, ademais de disfraces individuais.

Beti Puga, copropietaria coa súa irmá Ana do negocio, enumera unha ampla lista de artigos de mercería que estes días saen dos andeis da tenda. "De todo, remates de brillis, flocos, pedriñas, lazos, plumas, boas, botóns...", afirma. Un requisito para todos eles é que non falte a cor.

E como complemento para calquera disfrace, os produtos máis vendidos repiten ano a ano: medias de todo tipo e polos de cores para levar como peza de roupa interior.

Arquivado en