O sector do leite en Galicia "pode dar moito máis de si", segundo Luís Bará. Por iso, o BNG reiterou hoxe, durante a visita do seu candidato por Pontevedra á fábrica de Clesa en Caldas de Reis, a súa aposta por crear e fortalecer un grupo lácteo galego.
Bará sinalou que hai grupos empresariais foráneos que están a comprar fábricas lácteas en Galicia e estanse interesando por realizar investimentos no país, algo que demostra que o sector "ten futuro" se se aposta por unha "boa xestión", se avanza na modernización e a innovación e se desenvolve un produto de calidade.
De feito, o candidato do BNG destacou que as agrupacións lácteas que se uniron ao redor de Clesa "xa son dalgún modo un xerme dese grupo lácteo galego porque supoñen o 20% da produción láctea do país", defendendo o cooperativismo como fórmula para situar produtos de éxito "nun mercado tan competitivo e con moita competencia desleal".
Para iso, dixo Bará, é necesario unha "visión estratéxica" e neste sentido o BNG defende aplicar selectivamente as axudas públicas aos investimentos na industria láctea, concentrando o apoio aos proxectos que desenvolvan novas liñas e produtos de alto valor engadido.
A día de hoxe, Clesa factura 22 millóns de euros anuais e xera 72 postos de traballo directos. A agrupación de cooperativas lácteas galegas entregan a esta compañía uns 470 millóns litros de leite ao ano.
Ademais da fábrica de Clesa, Luís Bará aproveitou a súa visita a Caldas de Reis para acudir ao mercadiño e á praza de abastos da localidade para mostrar o apoio do BNG ao comercio de proximidade, incentivando a compra de produtos locais e galegos.